O ciclo «Música en salas», promovido pola Xunta de Galicia, ofrecerá durante dous meses 135 concertos de 115 artistas e bandas galegas en 19 locais das catro provincias.
En Lugo son 16 concertos en total nas salas Jager e Clavicémbalo.
Esta iniciativa é froito do convenio asinado pola Xunta coa Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo Clubtura para impulsar a recuperación da actividade musical en directo neste tipo de espazos, ademais de contar coa complicidade de Músicas ao Vivo como entidade que representa os intereses dos intérpretes.
Os obxectivos e a programación de Música en salas foron detallados no transcurso da presentación na que participaron a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; o presidente de Clubtura, o lucense e responsable do Clavi, Alberto Grandío, e o xerente de Músicas ao Vivo, Manuel Alonso.
Música en salas levantou o pano no Garufa Club da Coruña o pasado día 4 con le Rue Band e a súa aproximación ao jazz dos anos 20 do pasado século e rematará o 19 de decembro no Club Clavicémbalo de Lugo co rock e blues da Martins Aneiros Band.