A área de Cultura prepara o retorno da cabalgata de reis que contará con 15 espectáculos novidosos
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou que se está a traballar xa na cabalgata de reis de 2022.
Ferreiro explicou que “estamos xa a traballar nun novo espectáculo para que as nenas e nenos de Lugo poidan recibir aos Magos sen restriccións como as que a pandemia provocou o ano pasado, cunha gran cabalgata que contará con música e espectáculos novidosos e de calidade”.
A área de Cultura prepara a Lugo 15 espectáculos novidosos e de calidade que animarán o percorrido dos Magos pola cidade o vindeiro 5 de xaneiro de 2022.
Ademais, aprobouse xa o prego que permitirá alugar as carrozas nas que se desprazarán os Magos e os paxes reais, que sae a licitación cun prezo de 36.179€.
Cada unha das carrozas deberá acoller a un Mago e a 6 paxes reais, e de cara á súa adxudicación, a área de Cultura valorará entre outros criterios, a proposta artística das empresas interesadas.
As carrozas estarán decoradas con motivos alegóricos ás festas do Nadal e poderán contar con elementos de fantasía, literatura, banda deseñada ou cinema.