Actividades no Centro de Interpretación Terras do Miño
As actividades gratuítas levaranse a cabo dende o 3 de xaneiro ata finais de marzo e están pensadas para público infantil e adultos

Nova programación con oito actividades gratuítas para fomentar o ocio saudable e a concienciación sobre a riqueza e o coidado do medio ambiente entre os veciños e veciñas da provincia no Centro de Interpretación Terras do Miño, na contorna da Reserva da Biosfera Terras do Miño, un territorio xestionado pola Deputación de Lugo

Estas propostas desenvolveranse no primeiro trimestre do ano, dende o 3 de xaneiro ata o 25 marzo, e están pensadas para o público adulto e infantil. As persoas interesadas poden anotarse na páxina web da institución provincial
http://inscricions.deputacionlugo.org/gl/tema/actividades-medioambientais.

A primeira proposta será Os Reis Magos chegan ás Terras do Miño, unha actividade pensada para o público infantil. Desenvolverase os días 3, 4 e 5 de xaneiro, en horario de mañá: de 10.00 a 14.00 horas.

Para o mes de xaneiro tamén están programadas dúas actividades para público adulto. Por unha banda, entre os días 17 e 21 de xaneiro impartirase o Obradoiro de reciclaxe, reutilización e recuperación. E a continuación, entre os días 24 e 28 de xaneiro haberá un curso de poda. Estas dúas actividades desenvolveranse en horario de mañá.

No mes de febreiro dúas actividades para adultos. Un deles é un obradoiro de restauración que se impartirá dende o 31 de xaneiro ata o 4 de febreiro; e o outro un curso que se desenvolverá do 14 ao 18 de febreiro, e que versará sobre o Uso racional dos agroquímicos: iniciación á produción integrada.

Para os nenos e nenas en febreiro organizarase unha actividade con motivo do Entroido. Será dende o 28 de febreiro ata o 2 de marzo e denomínase Entroido científico.

Durante o mes de marzo haberá dúas iniciativas para adultos. Por unha banda, un curso sobre cestería creativa que se desenvolverá entre os días 7 e 11 de marzo. E pola outra banda, un curso de enxerto de árbores froiteiras, que está programado entre os días 21 e 25 de marzo. Estas dúas actividades terán lugar de 10:00 a 14:00 horas.

As iniciativas, debido ás actuais restricións sanitarias, contan cun número de prazas reducido e os interesados e interesadas en participar deberán inscribirse con anterioridade. As persoas interesadas poden recibir máis información na web da institución provincial, no teléfono 982.305.930 ou no correo und.medioambiente@deputacionlugo.org