Cultura e Infraestruturas instalarán a Palabra do Ano do 2021, Tanxugueiras, na rúa Menorca
O Tenente de Alcalde e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, anunciou que as áreas de Cultura e Infraestruturas continuarán coa colocación das palabras do ano no 2022.
Rubén Arroxo afirmou que “continuamos esta intervención artística que puxo en valor un símbolo tan importante como a lingua galega, e convertiu a rúa Menorca nun atractivo turístico máis de Lugo”.
As primeiras palabras do ano colocáronse o 2021 na Rúa Menorca durante o mes de maio, coincidindo coas actividades do Día das Letras Galegas.
Palabra do Ano
A escolla da palabra do ano comezou no ano 2014, a través do Portal das Palabras posto en marcha pola Real Academia Galega e a fundación Barrié. A iniciativa pretende que a veciñanza galega escolla cada decembro unha palabra en galego que defina o ano que remata, difundindo o léxico galego.
As palabras do ano escollidas até o de agora foron corrupción, refuxiados, irmandade, afouteza, deseucaliptización, sentidiño, nós e Tanxugueiras.
Tanxugueiras
Trátase dunha alteración da forma etimolóxica Teixugueira, un zootopónimo común no país que sinala os lugares onde se poden atopar teixugos ou porco teixos. Esta voz popular remite probablemente ao latín taxo, taxonis, o nome latino que recibía o ‘teixugo’, aínda que podería vir tamén dunha suposta forma xermánica *thahsus ou do gótico *thahsuks
«Tanxugueiras»: o trío formado por Olaia e Sabela Maneiro xunto con Aida Tarrío, participará a finais de xaneiro no Benidorm Fest, onde poden clasificarse para o festival de Eurovisión. Levan en activo desde o ano 2016, e contan con dous discos e un single publicados. Nestes anos de actividade, acumularon múltiples premios a nivel galego e internacional.
A área de Cultura do Concello de Lugo contou coas Tanxugueiras en múltiples ocasións, organizando concertos nas edicións 2019 e 2021 do San Froilán, ademais de formar parte nas programacións do Lugo Cultural.