Estrea online do novo documental de Carmen PG Granxeiro o vindeiro xoves 17/02 até a madrugada do sábado 19/02. Visionado gratuito.

O derradeiro traballo audiovisual de Carmen PG Granxeiro, o documental de 28 minutos titulado ‘Nun tempo de horta’, será estreado online e con visionado gratuito dende o vindeiro xoves 17 e até a madrugada do sábado 19. 

Poderase acceder ao visionado, sen ningún tipo de rexistro, a través da web da directora (www.carmenpggranxeiro.com) ou directamente na plataforma Vimeo ou nas súas aplicacións.

A creadora lucense, cuxa novela ‘Estranxeiras’ ven de ser recoñecida co II Premio Pinto e Maragota, que editará Xerais ao longo deste ano, estrea este documental logo dun ano de gravación arredor da horta e xunto á súa muller, coprotagonista da cinta. Un ano no que houbo mortes e nacementos, no que a compra dunha casa trouxo consigo unha mudanza e no que, coma ven sendo habitual, o espontáneo xurdiu máis aló do planificado.