O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, presentou o ciclo Música nas rúas, co que desde a área de Cultura e o Conservatorio se achegarán ás rúas do centro unha serie de audicións das estudantes do conservatorio entre o 20 e o 29 de abril.
«retomamos a organización desta actividade, renovando o compromiso da área de Cultura de visibilizar as ensinanzas oficiais de música coas que contamos na cidade, e motivar ás estudantes, xa que poderán mostrar o aprendido durante os seus estudos ao mesmo tempo que dinamizan as rúas da cidade»
O programa inclúe 8 concertos de distintas agrupacións do Conservatorio Xoán Montes de Lugo nas rúas do centro.
Comezará o 20 de abril entre as 18:00 e as 20:15 na rúa Quiroga Ballesteros, cos conxuntos de Contrabaixos, Vento Madeira e Saxofóns.
A actividade continuará o xoves 21, co conxunto de Gaitas e Acordeóns ás 18:00 na rúa Anxo Fernández Gómez e co conxunto de Tubas na praza do Campo Castelo ás 18:00 e ás 18:30 respectivamente.
Martes 26, a praza Maior contará coa animación do Cuarteto de Trombóns.
Mércores 27, a rúa Anxo Fernández Gómez contará coa animación do Conxunto de Guitarras a partir das 18:00 e co conxunto de Violas ás 20:00.
O xoves 28 será o turno do Cuarteto de Saxofóns, a partir das 19:00 na rúa San Marcos, e o ciclo Música nas rúas rematará coa actuación do Coro Infantil e o Ensemble de Clarinetes o venres 29 a partir das 17:00 na rúa Anxo Fernández Gómez.