Este martes anunciouse o proxecto de rehabilitación dun inmoble municipal no Carme, situado a pé do Camiño Primitivo, que se converterá no primeiro coliving artístico de carácter municipal de España.
Os obxectivos desta iniciativa serán darlle unha oportunidade aos talentos lucenses, potenciar o emprendimiento en iniciativas culturais e utilizar a creación como medio de expresión e nexo entre o patrimonio histórico-cultural de Lugo co pensamento e a sociedade, así como revitalizar o Camiño Primitivo e o turismo de calidade e experiencias que esta vía de peregrinaxe atrae a Lugo.
Para fomentar o emprendemento cultural, o Concello de Lugo entregará bolsas anuais para a estadía dos artistas, de duración de catro meses, e conformarase un comité de profesionais do mundo da arte con recoñecido prestixio para a selección dos artistas e dos mentores.
O CEI-Nodus, asesorará aos artistas residentes na creación das súas propias empresas e axudará a poñelos en contacto dos distintos axentes culturais, de xeito que os acompañaremos no seu desenvolvemento profesional e empresarial
A intervención que acometerá o Concello, cuxa execución sairá a licitación na Xunta de Goberno Local da vindeira semana por 500.000 euros e un prazo de obra de 10 meses, incluirá a rehabilitación da vivenda, que disporá de tres habitacións, espazos comúns e áreas de traballo e talleres, a recuperación do espazo exterior para crear unha zona verde de 3.000 metros cadrados respectuosa coa vexetación boscosa da contorna, que será tamén un espazo onde se organizarán concertos, teatro e mostras cos traballos dos artistas residentes, e a creación dunha nova edificación, que funcionará como zona expositiva.
A alcaldesa Lara Méndez, presentou o proxecto acompañada dos concelleiros de Desenvolvemento Local e Emprego, Ana González. Abelleira, e de Xuventude, Mauricio Repetto.
A casa Coliving é un proxecto enmarcado na estratexia DUSI Muramiñae, financiado ao 80% pola Unión Europea, a través dos fondos FEDER, e cuxo obxectivo é unir a trama urbana de Lugo coa súa contorna fluvial, para acadar unha cidade máis sostible, verde, innovadora e moderna.