Lugo será a Capital da Cultura do Eixo Atlántico en 2023, recollendo o relevo de Braga. Así o acordaron o mércores 20/04 por unanimidade os concellos de Galicia e do norte de Portugal da entidade transfronteiriza tras valorar a candidatura presentada polo Goberno local.
A programación desenvolverase dende marzo a novembro e contempla non só as distintas disciplinas artísticas senón tamén unha ampla variedade de eventos, dende mostras de teatro, cine a concertos, festivais de arte urbáns e exposicións, así como actividades infantís e certames gastronómicos, entre outras propostas, que se irán concretando da man dos concellos do Eixo Atlántico.
A alcaldesa Lara Méndez agradeceu o apoio dos municipios e avanzou que “a elección de Lugo como sede situaranos no mapa cultural internacional o vindeiro ano e será unha fiestra aberta a riqueza cultural da eurorrexión”.
Por outra banda, o Concello de Lugo dedicará ao Eixo Atlántico unha praza emblemática da cidade, na que recentemente se instalou a Fonte das Lavandeiras, a carón da Praza Viana do Castelo, onde quedará plasmada, así mesmo, a través dun mural de arte urbano, a unión dos pobos que conforman a Eurorrexión.