O Museo de Lugo acolle a exposición “Arquitecturas debuxadas” de Santiago Catalán, con debuxos de espazos e edificios emblemáticos de Lugo e Compostela.
A exposición “Arquitecturas Debuxadas. Lugo/Compostela” poderá verse na Sala de Exposicións do Museo Provincial de Lugo ata o vindeiro 30 de setembro. Trátase de 121 debuxos de edificios e espazos representativos da arquitectura das cidades de Lugo – 54 debuxos – e Compostela – 67 debuxos-.
No caso de Lugo, a mostra ofrece un paseo visual que se deten na catedral, a casa do Concello, na Praza do Campo ou na Muralla, e nos edificios deseñados por arquitectos como Juan Álvarez de Mendoza, Luis Bellido, Nemesio Cobreros, Eloy Maquieira ou Alfredo Vila, que renovaron o urbanismo da cidade.
O compendio de ilustracións sobre Compostela artéllase ao redor da catedral e das rúas próximas, amosando detalles da súa arquitectura
desde perspectivas diferentes e cunha mirada tridimensional que aproxima ao espectador a reflexionar sobre o proceso construtivo.
Na súa intervención, Maite Ferreiro convidou a visitar a exposición que “nos permite facer un paseo visual pola cidade e deter a mirada en espazos, edificios, elementos arquitéctonicos, polos que pasamos a cotío sen reparar nela” e que definiu “como unha invitación a valorar o patrimonio co que contamos na cidade”.
A exposición complétase coa proxección dos debuxos recollidos nas publicacións “Arquitecturas Debuxadas. Lugo” (Xerais, 2016) e “Arquitecturas Debuxadas. Compostela” (Xerais, 2018), que son o xerme da mostra.
Notas do autor sobre a arquitectura da cidade de Lugo
En palabras do autor, recollidas nun dos textos dos paneis expositivos que acompañan a mostra, en Lugo “(…) todo ou case todo é dunha escala
contida, doméstica e accesible para o paseante, porén a cambio, a súa historia é grande, moi grande e os importantes arquitectos que aquí traballaron -Andrade, Ferro Caveiro, Casas y Novoa, Bellido, Álvarez de Men doza, Cobreros, Maquieira…- deixáronnos un legado de valiosísimas arquitecturas de todas as épocas. A través dalgúns deles, durante o Barroco, Lugo une a súa historia a Compostela”.
“Para ilustrar esta cidade, para debuxala, debín repensarme como habitante de Lugo e pór enfase, máis que na miña experiencia vital, na maxia que, para un visitante, supón a sorpresa do encontro con esta cidade que garda tantos estupendos edificios e tan orixinais e sorprendentes ámbitos urbanos. Estes debuxos son froito dunha mirada apaixonada, non imparcial nin inocente, sobre esta cidade que me fascinou desde o primeiro momento, cando a descubrín hai xa moitos anos sumida na mesta néboa, elixíndoa entón libremente para vivir nela e gozala cada día”, continúa a reflexión.
Sobre Santiago Catalán
Santiago Catalán (Madrid,1954) é arquitecto, debuxante e pintor. Desde a súa titulación na Escuela Técnica Superior de Arquitectura de Madrid en 1978 compaxinou a súa faceta profesional -con proxectos de edificios públicos, restauración de monumentos, deseño interior e deseño gráfico- cunha intensa dedicación ao debuxo e ao mundo da arte en xeral ao participar en numerosas mostras individuais e colectivas, e sendo ademais fundador e socio da galería alternativa e grupo artístico Bacabú, dinamizador da vida cultural da cidade de Lugo, o seu lugar de residencia desde 1980.
Nos últimos anos, a inclinación cara ao debuxo intensificouse co empeño de recoller sobre o papel as arquitecturas representativas das máis importantes cidades galegas. Santiago de Compostela, Lugo, A Coruña, Vigo e Pontevedra concrétanse en preto de douscentos debuxos xa realizados; Ourense e Ferrol completarán máis tarde un versión de Galicia debuxada.
A súa actividade profesional estivo dirixida fundamentalmente á obra promovida polas distintas Administracións públicas e compaxinouna sempre coa súa actividade como pintor e debuxante. Interviu na urbanización de espazos públicos en Lugo (Praza Maior, Sto. Domingo, Praza da Soidade, Costas do Parque e Fingoi) e na provincia (Meira, Lourenzá)
Realizou rehabilitacións de importantes edificios públicos como o Instituto Xoan Montes e o Estadio Anxo Carro en Lugo, as Igrexas románicas de Meira, Santo Esteban de Ribas de Miño e a de Sta. María do Val do Mao, o Pazo de Castrelos en Vigo e a Reforma Integral do Club Fluvial de Lugo Entre os seus proxectos de obra nova xa edificados cabe citar A Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo, a Residencia Universitaria Abeiro, o Museo Arqueolóxico de San Roque, os Colexios de Becerreá, Quiroga e Vigo (Dr. Fleming). Proxectos de ámbito deportivo como a Piscina Cuberta de Ás Pedreiras en Lugo ou os Pavillóns de Navia, A Pontenova (Lugo) e Noia (A Coruña).
Como proxectos recentes destaca a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia en Vigo (2012), Reforma Integral da Facultade de Bioloxía Santiago (2013), o Centro Tecnolóxico de Industrias Lácteas Lugo para USC (2014) e o Centro de Día e Residencial en Becerreá – Lugo (2014).