Muimenta acolle o II Festival cultural Pozomouro con concertos, ilustración, circo, artesanía e poesía entre outras propostas.
O vindeiro 3 de setembro celebrase na Área Recreativa Ribas do Miño o festival cultural POZOMOURO.
 
Esta iniciativa sociocultural, promovida pola mocidade de Muimenta, pretende dinamizar o eido cultural da contorna e crear un espazo onde se dé visibilidade a proxectos artísticos vangardistas como Catuxa Salom, artista que tinguirá a hora do vermú de ritmos galego-latinoamericanos; ou Sofía Espiñeira, Pillaband´s, Pedro Campos, Brazil Love Affair e Um Sincero.
 
Sen embargo no Pozomouro non só haberá música, xa que a xornada contará con diferentes Pozos -como lle chaman dende o festival aos diferentes obradoiros artísticos e de lecer– que comezarán dende a mañá cunha ruta polo río e unha sesión de biodanza, e durarán toda a tarde con pozos de ilustración, circo, artesanía e musical, este último impartido polo músico artesán Sito Carracedo e Roi Adrio.
 
Coa luz do luscofusco chegará a hora da poesía, e subiranse ao escenario Rochi Nóvoa, Rafa Lobelle e Daniel Irimia, deixando cara ó final un espazo aberto á improvisación do público. 
 
Ademais, como asociación preocupada polo territorio e a natureza, tamén se inclúe dentro do programa do festival un coloquio sobre minas e eólicos, no cal participarán Margarida Prieto, Xoán Doldán, Nery Díaz e Andrés Castro. 
 
Cultura, inclusión, cooperación e moita diversión: todo apunta que o 3 de setembro será unha xornada ben interesante para marcar na axenda.
 
ENTRADA
A entrada ao festival é de balde, e contará tamén cunha zona habilitada para a acampada e venda de comida, incluídas varias opcións vexetarianas e sen glute.