Nova edición da Feira do 48 os días 10 e 11 de setembro na Praza Maior de Lugo. Coa premisa de revivir o ambiente das feiras de antano na cidade, dúas xornadas de actividade ao redor da música e do baile tradicional con actuacións e ruadas.
Xunto á ambientación musical, a Feira do 48 dá espazo tamén á artesanía e aos oficios vinculados á construción de instrumentos e ao traxe tradicional, aos xogos tradicionais e populares -coa colaboración de
Xotramu- e á gastronomía, coa presenza dunha pulpeira.
Como novidade, nesa quinta edición, o programa comeza o sábado pola mañá con Cantos de Taberna en distintos locais de hostalería da rúa Nova e da rúa da Cruz, que se sumaron á iniciativa.
O xornalista Paco Nieto será o encargado de inaugurar oficialmente a Feira coa lectura do pregón.
A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro animou a “lucenses e visitantes a desfrutar da Feira do 48, que retoma como escenario un lugar emblemático para este tipo de celebracións como o quiosco da música“ e lembrou “o éxito de pasadas edicións para anticipar unha gran participación”.
A Feira do 48 toma como referencia cronolóxica o 1948, ano da fundación de Cántigas e Frores, que desde aquela ven traballando na promoción da música e do baile tradicional desde distintos eidos, incluída a ensinanza.
Organizada pola Asociación Cultural Cántigas e Frores, conta co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e da área de Cultura do Concello de Lugo
Somos a axenda cultural de Lugo e o medio dixital onde enterarte de tódolos eventos culturais e de ocio da cidade: concertos, teatro, exposicións, cine, espectáculos, presentación de libros, danza…
Contacta: vivalugo@vivalugo.es
© 2018 Viva Lugo | Deseño web feito co ♡ por El cielo del norte