Obras de Beethoven e Schubert no concerto de Tempus Trío.
Sábado, 5 de novembro de 2022 / 20:00 h. / Círculo das Artes de Lugo
Promove: Sociedad Filarmónica de Lugo
Concerto de Tempus Trío – Promove Sociedad Filarmónica de Lugo
Programa:
L. v. Beethoven: Trío con piano Op. 1 nº 1
F. Schubert: Trío con piano nº 2, Op. 100
Tempus Trío
María Tió (violín)
Ferrán Bardolet (violonchelo)
Ricard Rovirosa (piano)
Fundado en 2018 pola violinista Maria Tió, o violonchelista Ferrán Bardolet e o pianista Ricard Rovirosa, o Tempus Trío, a pesar da súa breve traxectoria, foi xa recoñecido por crítica e público como un dos máis prometedores da súa xeración, colleitando importantes éxitos en diferentes concursos e certames internacionais, entre os que destacan o Primeiro Premio do Concurso Internacional de Música Grand Prize Virtuoso 2019 en Bruxelas, a Medalla de Platino (Primeiro Premio) da WPTA Singapore International Music Competition 2019 e a Medalla de Prata do 2nd Vienna International Competition 2020, na especialidade de música de cámara.
Esta tempada foi seleccionado para ser grupo residente da Asociación de Intérpretes de España (AIE). O trío fará unha xira de concertos por todo o estado español co programa Clásicos en Ruta. Na actualidade, o Tempus Trío cursa un Máster en Música de Cámara na prestixiosa Universidade Mozarteum de Salzburgo co Profesor Cibrán Sierra Vázquez, violinista do Cuarteto Quiroga.
María, Ferrán e Ricard son tres músicos que, individualmente, se formaron nas mellores institucións musicais con grandes profesores como Joan Havill (Guildhall School of Music and Drama), Albert Atenelle (Trío Barcelona), Vera Martínez Mehner (Cuarteto Casals) e Natalia Shakhovskaya (Escola Superior de Música Raíña Sofía).
A súa traxectoria individual foi igualmente recoñecida con múltiples premios en concursos nacionais e internacionais e acumulan xa unha dilatada experiencia concertística, actuando en importantes salas de concertos de Europa, Asia e América, en xiras que recibiron o aplauso de público e crítica e a atención de grandes medios de comunicación audiovisuais.
María Tió
Grado Superior de Música pola ESMUC de Barcelona. Bachelor of Arts, Violine Konzertfach; Master of Arts, Violine Konzertfach; e Master of Arts, Kammermusik Klaviertrio pola Universität Mozarteum de Salzburg. Concertino da Philharmonie Salzburg e artista residente da Yehudi Menuhin Foundation of Brussels.
Ferrán Bardolet
Grado Superior de Música pola ESMUC de Barcelona. Cursos avanzados na Escola Raíña Sofía de Madrid. Master of Chamber Music pola Hochschule Hannover e Master of Arts pola Kammermusik Klaviertrio da Universität Mozarteum de Salzburg. Primeiro violonchelo da Salzburg Chamber Soloists. Primeiro Premio no X Concurso Nacional Cidade de Xàtiva.
Ricard Rovirosa
Bachelor of Music (HONS) Piano Performance; Master of Performance, Guildhall Artist; e Doctor of Music, Piano Performance pola Guildhall School of Music and Drama de Londres (GSMD); e Master of Arts, Kammermusik Klaviertrio pola Universität Mozarteum de Salzburg. Primeiro Premio Oxford Music Festival.