A Vicepresidencia da Deputación xestiona a incorporación ao Museo Provincial de Lugo do sestercio da caetra ou sestercio de Augusto, unha moeda declarada Ben de Interese Cultural o pasado mes de setembro e case única xa que só se coñecen tres exemplares da súas características no mundo.

A vicepresidenta da Deputación Maite Ferreiro explicou que “recibimos unha proposta do coleccionista que é propietario da moeda, mostrando o seu interese en que pase a formar parte da colección do Museo Provincial
de Lugo. Tendo en conta  o seu valor cultural e a súa importancia para o estudo das relacións entre castrexos e romanos durante a romanización, optamos por atender a oferta e  iniciar os trámites necesarios para
facer efectiva a compra”

Sestercio da caetra Unha moeda única no mundo no Museo Provincial de Lugo

A responsable de Cultura sinalou que “o Museo Provincial de Lugo é o mellor espazo posible para  conservar e expoñer á cidadanía esta moeda
única, que amplía o patrimonio do propio centro museístico e da cidade de Lugo como referente internacional para o estudo da romanización»
e
destacou que «a persoa propietaria mostrou especial interese na incorporación ao Museo polo traballo que ven desenvolvendo nos últimos anos na conservación e posta en valor da súa colección  numismática»

A moeda ofrecida ao Museo Provincial de Lugo  é unha peza de bronce, de 38.07 gramos, coa cabeza de Augusto no anverso, e o escudo da caetra no reverso. 

A peza non presenta marcas de ceca nin de datación, polo que a súa data de emisión e lugar de produción non están definidas e seguen a ser obxecto de investigación. A falta doutros datos,  as achegas ao coñecemento da moeda que se teñen realizado desde a numismática apuntan a súa cuñación no século I a.C. en talleres móbiles que acompañaban o exercito ou a cecas como a de Lucus  (Lugo), Emerita (Mérida) ou Colonia Patricia (Córdoba).

De completarse a adquisición, sería a única moeda destas características exposta ao público en Galiza. O outro exemplar,  atopado en 2005 nunha
escavación arqueolóxica en Bracara Augusta (Braga, Portugal), consérvase no Museo de Arqueoloxía Don Diego de Sousa de Braga; a outra da que se
ten noticia vendeuse nunha poxa en 1968 e 1979 e o seu paradoiro actual é descoñecido.

O sestercio ofrécese como parte dun lote de sete moedas, que inclúe dúas moedas suevas e catro visigodas, cos que se complementaría a exposición
de moedas e medallas do Museo Provincial de Lugo.

Trátase de dous trientes suevos a nome de Valentiniano -un deles o terceiro exemplar coñecido con ese diseño do busto-, un triente visigodo   acuñado por Sisebuto en Tui – do que se coñecen doce exemplares-, un
triente visigodo acuñado por Sisebuto en Valdeorras -do que se coñecen tres exemplares-, un triente visigodo acuñado por Sisebuto en Sanabria – cinco exemplares coñecidos – e un triente visigodo acuñado por Gundemaro en Valdeorras -unicamente dous exemplares coñecidos-.

O propietario condiciona a venda a que as moedas sexan expostas no Museo Provincial de Lugo, na exposicíon permanente, e que o lote se adquira como conxunto único, non podendo individualizarse.