A Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC fai visible as achegas realizadas por mulleres á conquista de Dereitos Humanos a través da mostra ‘Defensoras’, unha iniciativa que tamén promove unha reflexión arredor dos chamados dereitos de terceira xeración, tal e como se consideran aqueles relacionados coa paz, cos diversos aspectos ligados en maior ou menor medida co medio ambiente e a sustentabilidade, os dereitos dos pobos no referente ás súas linguas e á autodeterminación, así como outros máis actuais e estreitamente ligados coas migracións, as persoas refuxiadas ao ou o colectivo LGTBI.
Esta obra colectiva, realizada por alumnado de último curso do grao en Ciencias da Cultura matriculado na materia ‘Ética Aplicada á Produción e á Difusión Cultural’, que imparte a profesora Beatriz Fernández Herrero, que tamén actúa como coordinadora de ‘Defensoras’, fai visibles diversas, á vez que recoñece as contribucións de pegada feminina a prol das conquistas sociais e dos Dereitos Humanos.
‘Defensoras’, que permanece aberta ao público na entrada da Facultade de Humanidades, achega ao público un abano de defensoras. A maior parte das mulleres protagonistas desta mostra están a desenvolver a súa loita na actualidade, un período no que abondan acontecementos recentes que poñen de manifesto a vulneración de moitos dereitos, ao tempo que convidan a traballar para que a dignidade de todas as persoas se faga realidade.