A USC programa 50 xornadas de actividades culturais en Lugo.
O «Lugo Cultural» mantén en 2023 os ciclos xa consolidados de música, teatro, cine, fotografía, danza e visitas guiadas, ao tempo que renova a súa aposta pola videocreación, os foros de discursión e debate ou as intervencións artísticas na natureza, segundo adiantou este martes no Pazo de Montenegro a vicerreitora Pilar Murias.
A USC programa 50 xornadas de actividades culturais na cidade de Lugo ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que conta con financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo.
Vinte e nove anos despois do nacemento do Lugo Cultural, unha iniciativa que dá conta da colaboración e coordinación institucional a prol da promoción de actividades artísticas na capital luguesa e da posta en valor dos espazos universitarios como escenarios culturais, este 2023 mantén programas xa consolidados na súa programación, tal e como son o ciclo de cámara ‘Músicas a carón da Mosqueira’ ou o ‘Lubicán’, que dá cabida a novos valores e intérpretes galegos.
Teatro, cine, fotografía, danza, visitas guiadas á Domus do Mitreo e foros de debate científico e humanístico, son outras das disciplinas que conservan protagonismo de seu na programación cultural para este ano, unha oferta que tamén renova a súa aposta pola videocreación, o debate ou as intervencións sociais tanto en espazos universitarios como noutras localizacións da capital luguesa.
A vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC, Pilar Murias, fixo fincapé na súa intervención na colaboración institucional que fai posible renovar ano a ano o convenio Lugo Cultural, razón pola que fixo público o seu agradecemento ao manifesto apoio da Deputación e do Concello de Lugo, administracións que continuarán a participar no desenvolvemento dun programa que complementa a oferta cultural de Lugo, segundo dixo Tareixa Ferreiro.
Alén de salientar o entendemento entre as distintas administracións, Murias tamén se referiu á cultura como “a mellor canle de proxección social da USC e dos valores asociados ao debate académico e científico”, ademais de contribuír ao desenvolvemento da poboación moza, e a mellorar a calidade de vida e o grao de benestar de toda a cidadanía. Todos estes argumentos xustifican a forte aposta pola cultura que se fai desde a USC, dixo.
Novidades de 2023
‘Ao pé do carballo’, que contempla unha intervención artística na carballeira de As Pedreiras, a recuperación do ciclo ‘Na Calzada’, que ofrece a artistas locais que se atopan fóra un espazo na súa cidade para expoñer as súas creacións, a incorporación do ciclo de faladoiros ‘Debates de Lúa’ ao programa do Lugo Cultural, a fin de extendelo desde a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría a outros centros das sede universitaria, ou a sesión ‘Micro aberto’, tal e como se denomina unha actividade programada na Facultade de Administración y Dirección de Empresas, onde a comunidade universitaria interesada poderá presentar as súas respectivas creacións artísticas.