Convocado o concurso para o cartel anunciador do Arde Lvcvs 2023. As bases pódense consultar xa na web municipal do Concello de Lugo e da festa.
Están publicadas as bases que rexerán os premios do concurso de deseño gráfico para elixir o cartel anunciador do Arde Lvcvs 2023, traballos que “teñen que visualizar o mundo romano e castrexo. O deseño gañador será empregado como cartel anunciador da festas deste ano”, explicou o concelleiro de Xuventude, Mauricio Repetto
As obras presentadas serán exhibidas nas redes sociais do Arde Lvcvs, onde se farán unha votación popular, e o 50% dos carteis máis votados someteranse á elección final do xurado. Este estará formado por persoas vinculadas coa ilustración, o deseño gráfico e sectores relevantes no eido da cultura e da propia celebración da festa.
Segundo as bases, as propostas deberán reflectir o espírito da celebración, facendo especial fincapé na reconstrucción histórica e a volta da cidade á época da súa fundación. Así mesmo, nas bases se poden consultar os elementos obrigatorios que deberá incluír o cartel.
A entrega de orixinais efectuarase na Casa da Xuventude ata o 20 de febreiro, inclusive. O horario de entrega será de 10.00h a 14.00h e de 16.30h a 21.30h, e tamén se poderán remitir por correo certificado a Casa da Xuventude, R/ Xesús Bal e Gay s/n, 27002 LUGO.
As bases completas estarán dispoñibles para todas as persoas interesadas na páxina oficial www.ardelucus.com e na web municipal www.concellodelugo.gal.