Nova canción de Fuxan os Ventos en lembranza a Moncho Díaz. Fuxan os Ventos dá a coñecer un tema inédito co que se pretende homenaxear a memoria dun dos integrantes históricos da formación, falecido o 17 de febreiro de 2023.
O pasado 22 de outubro, cando se cumprían 50 anos do nacemento de Fuxan os Ventos, Moncho Díaz, que formou parte do grupo dende 1980, actuaba cos seus compañeiros na inauguración da mostra «Fuxan os Ventos. 50 anos de historia» no Vello Cárcere de Lugo.
Colaborou na elaboración e estrea da nova páxina web do grupo, asistiu ao agardado acceso da discografía completa da formación en todas as plataformas dixitais e participou, como solista, na gravación deste tema inédito.
“Eu en ti” é un poema de Celso Emilio Ferreiro musicado por Xoán Luís Fuertes Saavedra. O grupo segue así un dos seus sinais de identidade: integrar nas letras das súas cancións poemas da literatura galega.
Na parte instrumental contaron coas colaboracións de Guillerme Fernández na guitarra, Simón García no contrabaixo, Roi Adrio na percusión e o cuarteto Saiva Nova (Fernando do Campo, concertino; Iván Novo, violín; Sergio Sieiro, viola; e Rosalía Vázquez, violonchelo). A canción, publicada por Altafonte, foi mesturada e masterizada por Arturo Vaquero e o deseño da capa é de Manuel Lucas.
Fuxan os Ventos tentará seguir, a pesar da insubstituíble ausencia de Moncho, co proxecto de levar por toda Galiza a exposición»Fuxan os Ventos. 50 anos de historia”.