Lucenses Premio da Cultura Galega 2022, Marica Campo e Melania Cruz.

Os Premios da Cultura Galega recoñecen a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia.

As oito modalidades son as de Letras, Artes Visuais, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior. 

O fallo do xurado, na edición do 2022, nas distintas categorías propostas:

Letras – Marica Campo

Artes Visuais – María Victoria Carballo-Calero

Artes Escénicas – Melania Cruz

Música – Cursos Universitarios Internacionais Música en Compostela

Audiovisual – Xosé Ramón Gayoso

Lingua – Manuel González

Patrimonio Cultural – Xacarandaina

Proxección Exterior – Programa ConCiencia

Nun acto en Lugo este mércores 15/03, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda felicitou os autores, agrupacións ou grupos de traballo recoñecidos nos Premios da Cultura Galega por engrandecer esa herdanza recibida.  

No caso de Marica Campo, por achegar as palabras que conectan coa mocidade transmitindo valores de feminismo, ecoloxía e solidariedade.  

A María Victoria Carballo-Calero pola súa constante investigación e a súa divulgación sen acougo sobre as diferentes maneiras que ten o pobo de xerar cultura.  

A Melania Cruz pola súa particular visión de Galicia no teatro e no audiovisual.

Aos membros de Música en Compostela por unha galeguidade que leva 64 anos difundindo o patrimonio musical mediante concertos, simposios, recitais, edicións de partituras e libros especializados.
 
A Xosé Ramón Gayoso por facer do programa Luar un sinónimo de amizade e ocio por riba de modas para chegar a todos os públicos.
 
A Manuel González González por ser un dos artífices da normalización da lingua en todos os ámbitos, cun incansable labor que abrangue a sociolingüística, a lexicografía, a terminoloxía ou a xeografía lingüística.
 
A Xacarandaina por 40 anos de traballo na procura dos alicerces da cultura e polos espectáculos nos que os recupera e os espalla.
 
Ao programa ConCiencia polo labor no eido científico proxectando unha imaxe internacional da ciencia na Comunidade e polo intercambio de experiencias con eminencias de todo o mundo en diferentes disciplinas científicas.
Foto: Facebook Cultura de Galicia