Grande Amore presentará este mércores 26 de abril novas cancións do que formará parte de II, o seu segundo traballo, no marco dun concerto peche do Lubicán 2023, que comezará ás 21.00 horas.
A actuación é de entrada libre e gratuíta, como todas as actividades organizadas ao abeiro do Lugo Cultural, un programa xestionado pola USC e que tamén conta con financiamento da propia institución académica, así como do Concello de Lugo e da Deputación Provincial de Lugo.
Grande Amore interpretará na súa actuación na capital luguesa un das súas últimas composicións, «Pelea». Trátase dun tema no que Grande Amore saca a relucir os demos internos que perseguen a toda unha xeración, o insoportable da situación, e a necesidade constante de rebelarse ante un sistema insostible.
Pelea chega tras exitosas colaboracións con artistas e bandas galegas -as últimas, con The Rapants no tema ‘A Vida’, e con Galician Army na versión remix do himno ‘Esta pena que a veces teño’- e nun momento no que o seu primeiro longo, ‘Grande Amore’ (2021), aínda segue cultivando alegrías.
“Todos moi guapos, todos moi listos. Pero naide ten piso, naide ten traballo, e dentro de nada vamos ter trinta anos. Por que todo é de broma mentres todo é cada vez máis caro?” Pelea é revolucionaria. Unha catarse. Grande Amore presenta, con sons punk-rock e arranxos electrónicos, aos demos de toda unha xeración. É rexeneradora, necesaria.
Denuncia a situación precaria do panorama actual, e a pelexa interna constante para soportala sabéndose parte. “Parece mentira todas as movidas coas que hai que pelarse todos os días, namais que pa poder seguir aquí, peleando con cen mil movidas”. Contaxia o hastío, as ganas de gritar e a necesidade de cambiar as cousas, porque resultan insostibles, insoportables. Pelea consegue poñerche a bailar a ritmo de incerteza vital.
Pelea está producida por Carlangas. As voces graváronse en Estudo Silencio con Juanjo Reig, e a mestura correu a cargo de Raúl Perez na Mina. Conta ademais cun videoclip, dirixido e desenvolvido por Xaime Miranda no que Nuno Pico escenifica a canción á perfección.
Rodado na Parrillada San Pedro, en Lugo, a peza audiovisual resulta redonda; nela, Nuno saca á luz a rabia contida, a necesaria loita constante, o quebradizo da cabeza que provoca unha realidade incomprensible mentres outros ao redor, simplemente, forman parte da roda permanecendo impasibles ao abuso, cómodos acomodados. Cando Nuno rebélase demasiado, a xente debe decidir: frealo para manter orde establecida ou unirse á Pelea por cambiar as cousas?.