A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, recibiu no concello a Miguel Fernández Vázquez, ilustrador e autor de banda deseñada; Shara Martínez Fernández, ilustradora e profesora da Escola de Arte Antonio Faílde de Ourense e Eva Valle Legido, profesora de deseño de interiores, representante da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, que conformaron o xurado que escolleu o cartaz da edición 2023 do San Froilán e do San Froilán Miúdo.
O xurado escolleu o deseño Homenaxe entre 56 participantes para o San Froilán e Sube ao tren do San Froilán como gañador entre os 4 posibles representantes do San Froilán Miúdo. O autor do cartaz gañador do San Froilán, Jordi Sabat Ortiz recibirá un premio de 2.000€, mentres que a gañadora do miúdo, Mara Demanuel Cerezal, de 10 anos recibirá material de pintura e debuxo valorado en 300€.
Maite Ferreiro afirmou que “anualmente coñecemos a gran calidade das deseñadoras e deseñadores co concurso de deseño do cartaz do San Froilán, un certame xa consolidado entre as deseñadoras e deseñadores”, e engadiu “tamén vemos a gran calidade dos debuxos das rapazas e rapaces que anualmente se presentan a este certame”.
Maite Ferreiro explicou que “desde o Goberno de Lugo traballamos nunha nova edición do San Froilán, a gran festa do outono galego, que repetirá os éxitos dos últimos anos”.