ADEGA pide apoio soical para protexer as montañas de Galiza.
ADEGA chama a cidadanía a doar urxentemente na campaña «Ti Podes Paralos!»para protexer Os Ancares, O Courel e o Macizo Central Ourensán do desenvolvemento eólico.
A campaña Ti Podes Paralos! xa supera os 90.000 euros en doazóns.
A asociación ecoloxista ADEGA pide o apoio urxente de toda a cidadanía galega para frear a invasión eólica dalgunhas das montañas máis emblemáticas de Galiza. O Courel, Os Ancares e o Macizo Central Ourensán libran unha loita contra un total de oito proxectos eólicos que ameazan a súa rica biodiversidade e patrimonio natural e cultural asociado.
A campaña «Ti Podes Paralos!» ten activos os desafíos correspondentes a cada un deles para procurar fondos co obxectivo de emprender accións xudiciais no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. Os prazos para conquerir o primeiro reto económico dalgúns deles están a piques de esgotarse, polo que ADEGA solicita un último esforzo en doazóns na defensa destes espazos.
Trátase, en concreto, dos parques eólicos Xeada e Orballeira no Courel; Serra do Colmo, Serra de Piñeira, Chao do Marco, Serra do Furco e Reboiro nos Ancares; e Fial das Corzas no Macizo Central Ourensán.
Todos eles, excepto Serra do Colmo que vén de acadar o ecuador da campaña, precisan do apoio urxente da poboación galega para superar ese primeiro reto de recadación e poder, polo tanto, presentar Recurso de Alzada e elaborar o informe técnico ambiental por parte de ADEGA.
Son parques situados en zonas de moi alto valor ambiental e patrimonial que aínda están virxes de desenvolvemento eólico e que cómpre preservar.
Precisan, ademais, o apoio especial da cidadanía porque impactan sobre aldeas con pouca poboación que poida facer fronte á avalancha eólica.
É por isto que ADEGA chama pola solidariedade do pobo galego con estas campañas de Ti Podes Paralos!.
As achegas para recorrer cada un dos oito parques eólicos poden facerse a través dos desafíos correspondentes activos na seguinte ligazón: https://tipodesparalos.helpbysc.com/inicio
Ameazada a única parella de aguia real da provincia de Lugo
Tanto o parque eólico Xeada como Orballeira, que conforman un macroproxecto eólico sobre o Courel e Valdeorras canda ao parque Neboada, ameazan de xeito grave a supervivencia da única parella de aguia real da provincia de Lugo.
Esténdense ambos polos concellos da Rúa e Vilamartín de Valdeorras (Ourense), e Quiroga (Lugo).
As campañas de recadación para recorrelos están a 8 días de esgotar o seu prazo, polo que apremia o tempo para conseguilo.
Macroproxecto eólico nos Ancares
O macroproxecto eólico nos Ancares, pola súa banda, está conformado polos parques Serra de Piñeira, Serra do Colmo, Serra do Furco e Chao do Marco, promovidos por Enel Green Power España S.L., e situados de forma aliñada nas catro montañas contiguas entre Baralla e Becerreá. Todos eles, ademais do parque eólico Reboiro, proxéctanse sobre valiosos espazos naturais e ameazan gravemente a poboación de millafre real, especie en perigo de extinción.
Apremia o tempo, sobre todo, para o proxecto eólico Serra de Piñeira, que só ten 3 días para acadar o reto 1, polo que a asociación ecoloxista chama a espallar todo o posible este e os demais desafíos.
Fial das Corzas no Macizo Central Ourensán
Por último, o proxecto Fial das Corzas, promovido por Iberdrola Renovables Galicia, conta oito aeroxeradores situados a rentes do Macizo Central Ourensán e moi cerca do Bidueiral de Montederramo, o Río Támega e o Parque Natural do Invernadoiro -é, de feito, o parque que máis o ameaza-. Unha zona de especial valor medioambiental no que habita flora e fauna vulnerable e en perigo de extinción, como a aguia real, o voitre negro e leonado ou a gatafornela.
Estas campañas requiren do especial apoio da cidadanía para que poidan superar o reto 1 de recadación e iniciar o segundo e último obxectivo económico, tal e como xa conseguiron o resto de desafíos activados.
Só de conseguir os importes mínimos totais, a asociación poderá presentar contencioso-administrativo e solicitar a paralización cautelar dos parques. Polo de agora, a campaña recadou máis de 90.000 euros, o que evidencia o gran rexeitamento social respecto do modelo eólico depredador e insustentábel implantado pola Xunta de Galiza.
ADEGA tamén ofrece a posibilidade de destinar as doazóns a un fondo común non adscrito a ningún proxecto eólico en particular, e que servirá de apoio ao conxunto dos desafíos impulsados por ADEGA https://tipodesparalos.helpbysc.com/fondocomun. Todas as doazóns que se efectúen poderán desgravar até o 80% na declaración da renda.