II Festival de músicas afroamericanas «Sarria & Blues no Camiño» Do xoves 03 ao domingo 06 de agosto.

Coa lema “Un cruceiro non crosssroads”, a segunda edición do festival de músicas afroamericanas, Sarria & Blues no Camiño, que organiza o concello da localidade, botará a andar o próximo 3 de agosto coa interpretación dun tema clásico da música negra norteamericana, a cargo dunha banda de gaiteiros locais. 

Este momento resume á perfección o espírito deste festival, que durante o primeiro fin de semana de agosto encherá as rúas e prazas de Sarria de música en directo, cunha programación que inclúe a grupos locais xunto a bandas nacionais e internacionais de primeiro nivel, e actividades culturais e gastronómicas.

O xoves día 3, despois da apertura oficial, celebrarase un concerto no atrio da Igrexa de San Salvador a cargo de Lust & Found, un dúo de Street Blues, que co seu estilo persoal realizarán un percorrido musical que partirá das raíces do xénero a principios do século XX, para acabar na súa influencia nos anos 70. 

O escenario nocturno trasládase á Praza de Santa Mariña, onde actuarán The Hoodoo Doctors, unha banda especializada en Chicago Blues.

VENRES 04

Lust & Found refórzanse co armonicista MA Lonesome, nun concerto para os maiores na Residencia, e ao mediodía a Pianista Sister Marion acompañará ao investigador musical Héctor Martínez na presentación do libro “Al compás del Vudú”. 

Pola noite celebrarase unha gran festa na que colaboran e intégranse os dous festivais que ese fin de semana coinciden na vila: A Verbena Fest e o Sarria & Blues non Camiño, con gastronomía afroamericana, baile e música, a cargo de Taninos Maduros, Os Naipes, O Pavoni & The Moonshine Tones, e fin de festa con DJ Grande Osso.

SÁBADO 05

A banda de estilo dixieland e música na liña das marching bands de New Orleans, abrirán os pasacalles popular que pechará un escenario móbil con Hoodoo Doctors interpretando o seu repertorio de puro blues. 

Co luscofusco chegará ao escenario da Feculera o blues e o rhythm blues de Índigo Blues, unha banda integrada por seis mulleres procedentes de diversos estilos de música negra. 

Tras elas subirá ao escenario Gisele Jackson & The Shu Shu’s, unha das mellores bandas internacionais de Soul Blues, cunha cantante que comezou o seu camiño acompañando a mitos como James Brown.

DOMINGO 06

O domingo comezará cunha actuación no recinto da feira e mercado gandeiro, outra na zona comercial, con broche final pola noite cunha jam a cargo das bandas residentes do festival e músicos locais, cunha festa que servirá como pano de fondo para a presentación oficial da revista Macheta, un proxecto da asociación cultural HuHú que recupera un mítico fanzine sarrián dos anos 90. 

Pecharanse así catro días de música e cultura, cunha ampla oferta de actos que se espera que, do mesmo xeito que sucedeu na primeira edición, atraia á vila a numerosos afeccionados ao blues e a música afroamericana da máis diversa procedencia xeográfica, convertendo unha vez máis a Sarria nun cosmoplita cruz de camiños.