O MIHL acolle ata finais de agosto unha exposición coas obras premiadas na Bienal de pintura do Eixo Atlántico

O Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) acolle ata finais do vindeiro mes de agosto unha exposición coas obras premiadas na Bienal de pintura do Eixo Alántico. 

Este concurso pictórico, destinado a obras inéditas, comezou a súa andanza coa súa primeira edición no ano 1997. Dende entón, a exposición itinerante da Bienal percorre a xeografía de Galicia e Portugal.

Precisamente, a finais deste ano celebrará unha nova edición tendo como sede a cidade de Lugo, que acollerá unha exposición das obras que se presenten ao certame.

A Bienal de pintura do Eixo Atlántico é un espazo de promoción e intercambio de novas creadoras e creadores do noroeste peninsular.

Nesta ocasión, a cidade de Lugo alberga unha retrospectiva de obras premiadas no certame ao longo das súas últimas trece edicións. A exposición pode contemplarse, totalmente de balde, ata o vindeiro 31 de agosto, todos os días en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas.

www.lugocapitaldacultura.com

Fotos: Gab. Com. Concello de Lugo