San Froilán 2023 – Primeiras confirmacións
O Electronic Lucus Fest terá lugar na noite do 4 de outubro, o XVIII Sanfroidance o día 6 e o Espazo Hip Hop o 11
Sonia Villapol pregoeira e actriz Melania Cruz será a oferente a Rosalía.
Público nun concerto do San Froilán 2022

Tres festivais son as primeiras confirmacións do vindeiro San Froilán.

O Electronic Lucus Fest, que este ano celebra a súa cuarta edición, o XVIII Sanfroidance, e o Espazo Hip Hop; os tres, na Praza da Mosqueira e de balde (como todos os eventos das festas).

Ademais, a comisión de festas aprobou por unanimidade que a investigadora Sonia Villapol sexa a pregoeira desta edición das festas, mentres que a actriz Melania Cruz será a oferente a Rosalía.

Para coller forza durante as festas e vivir o San Froilán ao 100% a ración de polbo (250g) estará a 14€,  a de cachelos a 2€, a ración de pan a 1.50€ e a botella de viño, a 6€.

Rubén Arroxo, Tenente Alcalde do Concello de Lugo e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro na presentación dos tres eventos. Foto: Gab. Com. Cultura e Turismo Concello de Lugo.
Electronic Lucus Fest

A noite do 4 de outubro, a partir das 21:30, o cuarto Electronic Lucus Fest encherá a Mosqueira coa actuación de diversos DJ, entre os que se atopan os lucenses Frisco e Marcos Peón, que comparten cartel con Yaser, Hugo Leivas e Juan Chousa.

Sanfroidance

O Sanfroidance celebrará a súa 18ª edición na noite do 6 de outubro. A partir das 19 horas. O festival de música electrónica contará este ano coas actuacións de High Paw (Galiza), Juli Giuliani (Cataluña), Tor4 vs Fishman (Brasil – Galiza) e Victor Santana (Madrid)

O Sanfroidance contará tamén con caricaturas, mostras de baile a cargo da escola lucense Star Dance e mostras de grafitti a cargo dos lucenses Trecetrazos.

Espazo Hip Hop

A partir das 17:00 do 11 de outubro, a Mosqueira acollerá o Espazo Hip Hop, un evento  evento que busca difundir o talento lucense e galego apostando polos distintos artistas locais. Na Galiza contamos co maior talento en producción deste xénero a nivel nacional, e somos referencia neste eido a nivel internacional. Con esta proposta apóstase por un espectáculo que combine distintas disciplinas, creando un espectáculo único.

Ao longo da xornada, contarase coas actuacións de Denom, Samuel Slzr, Eivy J e Zaidbreak, que compartirán escenarios cos artistas locais Diego, Xosé Maceda e Ünder.

Ademais, volverá ter lugar a batalla de galos, onde 16 artistas competirán poñendo a proba a súa capacidade de improvisación guiados só por unha base instrumental aleatoria.

Sonia Villapol

Sonia Villapol é investigadora e profesora no Center for Neuroregeneration no Houston Methodist Hospital Research. Formouse na Universidade de Santiago de Compostela e na Universitat Autònoma de Barcelona. Foi investigadora do CNRS e do INSERM en París e no NIH e na universidade de Georgetown. Investiga os danos cerebrais e as enfermidades neurodexenerativas, e conta con máis de 70 artigos publicados. Forma parte do grupo de investigación internacional da COVID-19, analizando como afecta o coronavirus ao cerebro e ao sistema nervioso e os seus efectos a longo prazo. No 2023 publicou o seu primeiro libro de divulgación científica, Consciencia. A ciencia que nos rescatou da pandemia, un percorrido polos descubrimentos da COVID e cuestións como as vacinas, a COVID persistente, o impacto emocional da pandemia ou as súas consecuencias na saúde mental.

Melania Cruz

A actriz Melania Cruz conta cunha importante traxectoria en cinema, televisión e teatro. Comezou a súa carreira no teatro afeccionado, antes de obter o título en ensinanza superior pola Escola Superior de Arte Dramática de Galiza, e adícase profesionalmente á interpretación desde o ano 2009, formando parte de diversas compañías teatrais ata que se adentrou no cinema e na televisión. Conta con dous premios Mestre Mateo (3 nomeamentos), 1 premio María Casares (4 nomeamentos), o Premio Cinema Galego do Festival Internacional de Cine de Bueu no 2020 ou o Premio da Cultura Galega na categoría de Artes Escénicas do 2022. É unha das 10 lucenses do ano escollidas polo xornal El Progreso para o 2023.