A Domus do Mitreo ofrece experiencias sensoriais no Nadal
O Museo Universitario A Domus do Mitreo ofrece na súa programación de Nadal experiencias sensoriais para coñecer a funcionalidade das súas dependencias a través dos sentidos, a través dos obradoiros gratuítos ‘Cheiros e sabores da antiga Roma’.
Unhas sesións abertas á participación do público interesado que se desenvolverán en quenda de mañá, a partir das 11.30 horas, os días 23 e 30 de decembro, 2 e 4 de xaneiro.
As persoas interesadas en tomar parte nesta actividade que mestura divulgación científica e lecer deberá formalizar a súa reserva ou inscrición a
través do número de teléfono 610 323 926 ou ben no enderezo de correo electrónico museomitreo.lugo@fundacionusc.gal
‘Cheiros e sabores da antiga Roma’
O obxectivo destes obradoiros de Nadal pasa por ofrecer unha visión diferente da domus, a través de experiencias que poñen o foco en aspectos que normalmente non se poden tratar nas visitas guiadas.
Daquela, ‘Cheiros e sabores da antiga Roma: Descubrindo a Domus a través dos sentidos’ pretende ser unha actividade interactiva e atractiva para o público visitante, que deberá enfrontarse ao reto que supón identificar cada estancia do xacemento arqueolóxico musealizado e a súa funcionalidade a partir dunha percepción sensorial.
“As persoas participantes deberán vincular o cheiro, sabor ou cor dos elementos e produtos dispostos sobre unha mesa (sal condita, lucerna, incenso, fariña, dátiles e muslum, loureiro, aceite, agua…) con cada unha das dependencias que acubilla a domus (culina, cubícula, mitreo, oecus, zona de traballo, impluvium, peristylum, termas…)”, explica a directora científica do Museo A Domus do Mitreo, a profesora da USC Dolores Dopico.
As persoas inscritas en cada un dos obradoiros recibirán nun primeiro momento unha breve charla informativa e explicativa sobre a actividade a realizar, ao tempo deberán cumprimentar un cuestionario ou ficha, cuxas solucións se coñecerán durante a visita polas diferentes áreas ou dependencias da domus que serve de colofón do obradoiro.