Actividades en Lugo polo Día de Rosalía
O festival “As literatas para Rosalía de Castro” contará coas voces de Belém Tajes, Antía Muíño e MJ Pérez o día 23 de febreiro
A Rede Museística repartirá láminas cunha ilustración de Sandra Lodi e caraveis entre os visitantes dos catro museos durante toda a xornada
Pilar García Negro e Mª do Carme Fernández Pérez Sanjulián no “Encontro de saberes arredor de Rosalía” no Museo Provincial de Lugo
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo impulsa unha ampla programación cultural coincidindo co Dia de Rosalía de Castro, que se celebra o 23 de febreiro e no que este ano se celebra o 187 aniversario do nacemento da autora.
A axenda de actividades na que conflúen a música, artes plásticas e a palabra ten como data central o venres co festival “As literatas para Rosalía de Castro”, con actuacións de MJ Pérez, Antía Muíño e Belém
Tajes ,e un reparto de láminas conmemorativas nos museos da Rede Museística Provincial de Lugo, e continúa ao longo do ano coa realización de murais homenaxe á poeta nacional nunha decena de espazos públicos da provincia.
A deputada de Cultura Iria Castro explicou que “un ano máis desde a área de Cultura promovemos unha ampla programación que convida a achegarse á figura e a obra de Rosalía de Castro desde unha perspectiva actual, reivindicando o seu papel como referente cultural e feminista” e destacou “a colaboración de distintas institucións, desde os museos provincias, ata a Universidade e os centros educativos nas actividades, que comezan o 23 pero que se prolongarán ao longo do ano, contribuíndo a socializar a figura de Rosalía de Castro”.
“As literatas para Rosalía de Castro”
A creación e a produción musical galega e feminina protagonizan o cartel da xornada musical “As literatas para Rosalía de Castro”, referenciado no artigo «Las literatas», publicado en Almanaque de Galicia no 1866 no que Rosalía de Castro denuncia os prexuízos sociais que dificultan que as mulleres se dediquen a tarefa literaria.
Belém Tajes, Antía Muíño e MJ Pérez interpretarán as súas composicións a partir das 19 horas na Praza de Santa María – ou na Capela de Santa María, en caso de choiva-. As actuacións contan contan coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela e da área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo
Belém Tajes
Cantante, compositora e especialista en musicoterapia, Belém Tajes comezou tocando e cantando en agrupacións tradicionais e aprendendo tamén das cantigas das súas avoas. Estudou violoncello no Conservatorio da Coruña e tamén gaita, na Escola de Música de Oleiros e no Conservatorio de Carballo. Formouse en maxisterio musical e estivo dando clases a crianzas ata que, en 2017, comezou a traballar con Luar na Lubre na xira do 30 aniversario. Ten participado en varias formacións musicais como cantora e percusionista e representou a Galiza no proxecto Tosta Cultural Cargo, sobre linguas minorizadas do atlántico norte. Gracias a este proxecto estivo recollendo cantos tradicionais do oeste irlandés e, na actualidade, lidera un proxecto de seu, Vudú, galardoado cun Premio Martín Códax e cun Premio Opinión de Músicas de Raíz.
Antía Muíño
O jazz, a canción de autor ou a música tradicional galega son algúns dos xéneros nos que se pode escoitar a esta cantautora compostelá con sons
esencialmente acústicos. Comezou na música co folclore tradicional para dar o salto anos máis tarde á guitarra clásica, estudándoa hasta facer o
grao superior en Musikene, en San Sebastián. O traballo de Antía Muíño está moi ligado á poesía, á lírica tradicional, ao jazz libre e á sensualidade da bossa nova.
MJ Pérez
En 2014 MJ Pérez arrancou o seu percorrido para converterse nunha das voces da música galega actual. Conta con catro álbums e acumula máis de
150 concertos que lle permitiron desenvolver a súa faceta musical que, grazas á formación, conta cunha gran presenza do audiovisual nos seus
traballos. Coincidindo co día de Rosalía xuntou a Rosalía de Castro e á cantante catalá Rosalía en Malaxente, un vídeo no que MJ canta
fusionando o poema «Castellanos de Castilla» co tema «Malamente».
Caraveis e láminas na Rede Museística
Durante toda a xornada e como xa vén sendo habitual, os catro museos da Rede Museística Provincial – o Museo de Lugo, o Museo do Mar de San
Cibrao, o Pazo de Tor e o Fortaleza de San Paio de Narla- agasallarán ás visitas un caravel e unha lámina conmemorativa cun deseño da ilustradora
Sandra Lodi, acompañado dos versos do popular poema “Alborada” (Cantares Galegos, 1863)
A ilustradora destacou que se trata dun deseño que “busca dar a imaxe de Rosalía como muller forte e ruda, quitando o romanticismo e demostrando
como influíu nas mulleres galegas do rural e nas xeracións presentes e vindeiras, destacando o valor do seu traballo polo lingua e os dereitos das mulleres”.
Tamén o venres 23 de febreiro ás 19:00 horas, o Museo Provincial de Lugo acollerá o “Encontro de saberes arredor de Rosalía de Castro”, no que a profesora honoraria da UDC e sociolingüísta Pilar García Negro e a profesora de Lingua e Literatura Galega da mesma universidade e especialista en literatura e xénero Mª do Carme Fernández Pérez Sanjulián, especialistas en literatura e xénero, debaterán sobre a figura de Rosalía de Castro.
O diálogo artellarase a partir da proposta temática “Intrahistorias de A las orillas del Sar, El primer loco e o patrimonio documental e artístico do Pazo de Tor”, que relaciona o patrimonio e a historia do Pazo de Tor con temáticas presentes na obra de Rosalía de Castro como a loucura ou a defensa ecolóxica da carballeira de Conxo fronte a un poder foráneo.
Outras actividades
Co obxectivo de poñer en valor a obra e figura de Rosalía, ao longo do ano, a área de Cultura promoverá a realización de murais homenaxe en
centros educativos e outros espazos públicos a cargo de muralistas e artistas de toda Galiza.
En total, impulsaranse unha decena de intervencións artísticas, dando continuidade á iniciativa desenvolvida nos catros últimos anos, que plasmou a figura de Rosalía de Castro en máis de medio cento de espazos públicos.
O 23 de febreiro, ás 12:00 horas, no Auditorio do Vello Cárcere (Praza da Constitución, s/n.), decorrerá a conmemoración do Día de Rosalía de Castro en Lugo, organizado pola AELG, coa colaboración da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.
O acto consistirá na lectura do Manifesto da AELG elaborado neste 2024 por Carlos Callón e a lectura pública de poemas de Rosalía