Obradoiro de iniciación aos toques de tixola.
Felisa Segade será a encargada de impartir este obradoiro que terá lugar no Centrad (Rúa Chantada S/N) en horario de 10.00 a 14.00 horas.

Tradescola, escola de música tradicional galega que xestiona a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s na cidade de Lugo, impartirá un novo obradoiro intensivo de percusión tradicional de man, o vindeiro sábado 13 de abril de 10.00 a 14.00 horas no Centrad (Lugo), concretamente versará sobre a iniciación aos toques de tixola, cazola ou sartén, que son todos os nomes que recibía o instrumento obxecto deste curso que se toca percutindo ou rasgando cunha chave.

As áreas de Cultura de Concello e Deputación colaboran coa Tradescola neste obradorio.

Maite Ferreiro afirmou que «con esta iniciativa desde a área de Cultura seguimos a traballar na difusión da música e da cultura tradicional galega, achegando ás veciñas e veciños de Lugo o coñecemento dunha das persoas máis importantes na investigación dos nosos sons».

 

Felisa Segade será a encargada de guiar o obradoiro, no que quere amosar unha panorámica xeral baseada no seu traballo de campo, e en referencias atopadas e documentadas por compañeiras e compañeiros cos que se ten relacionado ao longo de anos de traballo compartido.

O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, acompañado pola concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, e pola deputada provincial responsábel da área de Cultura, Iria Castro, presentaron o obradoiro de iniciación á Tixola que impartirá a Tradescola.

Este vai ser un obradoiro de achegamento á cazola dirixido a principiantes onde se van familiarizar con diferentes técnicas e xeitos para tocar o instrumento, como son:

–  O agarre e posición da chave

–  A posición e a orientación da cazola:

    • mango cara arriba ou mango cara abaixo
    • cruzada ou paralela

–  En apoio sobre dedos-man ou en agarre coa man

–  Os toques:

    • percutidos / rascados
    • no  da cazola
    • no mango da cazola
    • no borde da cazola
INSCRICIÓNS
Este curso, que conta coa axuda da área de Cultura do Concello de Lugo, será de balde para os asistentes, tendo preferencia @s alumn@s da Tradescola e @s soci@s da AGG, que disporán ata o martes 9 de abril para inscribirse, e a partir desa data as prazas dispoñibles cubriranse por orde de inscrición ata completar as prazas.
 
Para inscribirse no obradoiro ou para recibir mais información pódese contactar coa Tradescola chamando ao tlf 982229966 ou a través do correo electrónico tradescola@gaiteirosgalegos.gal
Felisa Segade

De formación autodidacta, Felisa Segade leva dende o ano 86 dedicada ao traballo de campo na recollida da nosa música e tradición cultural, co que alimenta tanto os seus traballos musicais como docentes. 

Desde 1989 é integrante do grupo de baile e música tradicional Brincadeira (Compostela) cofundadora de Leilía (1989) e Tres Pesos(2014), grupos nos que dedica o seu tempo á recopilación, análise, proposta musical e interpretación da música galega de tradición oral nas súas diferentes formas, manifestacións e expresións.

Felisa, como moitas outras mestras e mestres en toda Galicia, imparten aulas arredor da percusión e da tradición oral galega e colaboran en investigacións, traballos de campo e recolleita, tamén propostas musicais, de diferente alcance e dimensión.

Como representante dalgunhas das máis representativas agrupoacións de música tradicional,recibiu numerosos galardóns,entre os que destacan o Premio Agapi 1999 á mellor banda sonora pola curtametraxe A rosa de pedra, o Premio Galicia en feminino 2001 (outorgado pola xunta de Galicia),ou o Premio da Academia das Artes e das Ciencias da Música 2004 á mellor canción en galego por pedras contra tanques.