Obradoiros polos Días Europeos da Artesanía
As actividades celebraranse no CENTRAD do 4 ao 7 de abril en horario de mañá e tarde e inclúen demostracións participativas con cinco artesáns da provincia
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á celebración dos Días Europeos da Artesanía do 4 ao 7 de abril con actividades.
O programa, que terá lugar en horario de mañá e tarde no Centro de Artesanía e Deseño, inclúe obradoiros e demostracións de coiro, cerámica e teares elaborados por cinco artesáns.
A deputada de Cultura Iria Castro destacou a importancia deste encontro que nace “co obxectivo de achegar ao público os segredos do traballo de
artesás e artesáns e difundir a súa enorme riqueza e singularidade”. Animou tamén á veciñanza a inscribirse nestas xornadas que “pretenden dar a coñecer a riqueza e singularidade da artesanía lucense”.
“O CENTRAD participa nestas xornadas abrindo o centro a todos aqueles veciños e veciñas que queiran ver en directo o traballo que realizan, que ferramentas e materiais utilizan. Tamén poderán experimentar as sensacións de tocar o barro e facer unha peciña, ou traballar o coiro así como sentar diante dun tear para a confección dunha pequena mostra”, explicou.
O programa inclúe os obradoiros de coiro que estarán dirixidos polos artesáns Ana Novo Barreiro (Tres caracoles) e Victor Manuel Montero Fernández (LeCOOp), os de cerámica serán da man de Mª Josefa Sánchez Castedo (Cinza de Papel) e Inmaculada Díaz Cabado (La bellota mágica) e, por último, o taller de teares será a cargo de Lourdes Otero Mato (Fusaiola).
Este novo formato permite que os artesáns den a coñecer o seu traballo grazas ao espazo cedido pola Vicepresidencia durante estas xornadas. As
persoas interesada poden achegarse á Capela de Santa María durante estas xornadas de 10.30 a 14 horas e de 17 a 20 horas.