Este mércores -10 de abril- abre o prazo de solicitude das axudas para asociacións culturais convocadas pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que supoñen un investimento total de 380.000 euros.
Convócanse dúas liñas de axuda: unha para a realización de actividades culturais, dotada con 255.000 euros, e outra para investimentos en melloras nas instalacións e no equipamento de locais, cun importe de 125.000 euros.
A deputada de Cultura Iria Castro valorou a convocatoria como “un apoio ás asociacións culturais de base, que son súa maioría colectivos pequenos que se sosteñen grazas á implicación desinteresada de persoas preocupadas pola cultura, pola lingua e o patrimonio e que cumpren un papel fundamental para garantír o acceso á actividade cultural en todo o territorio”.
A deputada subliñou o traballo destes colectivos que en moitas parroquias e aldeas son auténticos motores culturais, xa que programan actividades pero tamén impulsando estudos, investigacións e iniciativas de posta en valor do patrimonio local”
Axudas para a realización de actividades culturais
A través desta liña, a área de Cultura promove a organización de actividades e eventos culturais por parte das asociacións e colectivos culturais, especialmente aquelas orientadas á difusión do patrimonio material e inmaterial de Galiza, a historia, música e tradicións, contribuíndo a ampliar a axenda cultural de parroquias e concellos. As axudas oscilan entre os 500 e os 3.000 euros.
Axudas para melloras nos locais
A área de Cultura financia, a través desta liña, actuacións de mellora, acondicionamente e reforma de locais e instalacións culturais que os colectivos cultivos culturais teñan en propiedade, cedidas ou alugadas. Tamén se subvenciona a compra de equipamento, facilitando así que as asociacións conten cos medios adecuados para as súas actividades culturais. As axudas oscilan entre os 500 e os 2.000 euros.
Solicitudes
As bases e modelos de solicitude, publicados este martes no Boletín Oficial da Provincia, están dispoñibles tamén na web cultura.deputacionlugo.gal, no apartado Programas e subvencións, con indicacións precisas sobre o procedemento de solicitudes. O prazo estará aberto ata o 23 de abril, incluído.
Na última convocatoria, concedéronse un total de 338 axudas para a organización de actividades culturais e para investimentos en equipamento e mellora de locais.