O Mercado Municipal de Lugo acolle o «I Foro da La» actividade centrada na la e nos seus usos organizada por Ovica coa colaboración da área de Medio Rural da Deputación.
Cristina López, edil de Participación, presentou o encontro, que terá lugar a fin de semana do 14 ao 15 de setembro
«Seguimos traballando para que a Praza e o Mercado conten cunha programación de actividades ampla e diversa ao longo de todo o ano», afirmou Cristina López
O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, xunto coa Concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López e o Vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, presentaron o I Foro da La.
Esta actividade está organizada pola Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galiza (Ovica) para dar visibilidade ao problema da xestión da la e potenciar o seu uso como materia prima.
O encontro, que se celebrará a fin de semana do 14 e 15 de setembro no Mercado Municipal de Quiroga Ballesteros contará cunha feira de la e de produtos feitos con ela xunto cunha exposición de proxectos que xiren arredor desta materia prima.
Cristina López destacou o traballo realizado pola área de Participación «en organizar diversas actividades na Praza e no Mercado ao longo do ano”. López destacou que este ano se realizaron exhibicións de cociña, obradoiros infantís, visitas escolares ou campionatos deportivos «para achegar á veciñanza a estas instalacións e dar a coñecer os distintos negocios que acollen», explicou López.
A edil de Participación anunciou que «nas vindeiras semanas anunciaremos a programación dos novos obradoiros infantís, unha actividade que permite facilitar a conciliación familiar con preto de 600 nenas e nenos na primeira metade do ano».
López agradeceu «a implicación» dos distintos negocios da Praza e do Mercado coa promoción deste espazo no obxectivo de «facer da Praza e do Mercado lugares de referencia para o comercio local, poñendo novos servizos a disposición de toda a veciñanza para que decidan achegarse a estas instalacións a facer as súas compras».
O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro destacou a colaboración coa entidade gandeira “contribuíndo a estabilidade e continuidade dunha labor que beneficia directamente as gandeiras e gandeiros asociados, atendendo necesidades relacionadas coa súa actividade cotiá, e que permite que encaren de xeito colectivo os retos dun sector fundamental para o mantemento do territorio”.