A Casa do Saber acolleu a entrega de galardóns correspondente aos certames de Videocreación e Paisaxes Sonoras que a USC impulsa no Campus de Lugo.
Videocreación
O ‘Premio Araceli Herrero á mellor comunicación’ do certame de Videocreación, modalidade coa que se distingue a proposta que mellor engloba todos os aspectos comunicativos empregando diferentes linguaxes, foi parar a ‘Crux’, de José Damián Pol Veiga por ser, a xuízo do xurado, “unha proposta honesta e valente no contido, e arriscada e efectiva nas formas”.
O traballo gañador recibirá 300 euros.
Tamén se outorgou unha mención especial á peza ‘Adaptación de comedias bárbaras de Valle-Inclán’, gañadora tamén do Premio do Público, “polo coidado na posta en escena”.
O ‘Premio Isidro Novo á mellor linguaxe literaria’ recaeu en ‘Menos Rosalía e máis Rosalía’ de Xabier Mailán Méndez.
O traballo destacou “pola súa ousadía formal e pola capacidade de entrelazar tradición e modernidade, convertendo a evocación nunha ponte entre memoria e experimentación”. A xuízo do xurado a peza “conxuga a frescura da proposta, a musicalidade fragmentaria e a forza simbólica que consegue”. Mailán Méndez recibiu tamén un galardón de 300 euros.
‘Eucalistia’ recibiu unha mención especial polo “emprego dunha linguaxe sinxela que constrúe a complexidade a través de figuras literaria acorde coa edición da imaxe”.
O xurado estivo composto por Carmen Pérez González-Granxeiro, especialista en audiovisuais, e por Dores Rodríguez López e Bruno López Rodríguez, familiares de Isidro Novo, con voto só para o Premio Isidro Novo.
Paisaxes sonoras
Por mor dun empate técnico entre as mellores propostas, o xurado do certame Paisaxes Sonoras recoñeceu as pezas ‘La reunión’ de Laura Romero Valldecabres e ‘Fééries’ de Anne Lepère, esta última obtivo tamén o premio do público.
O galardón divídese entre as dúas gañadoras, correspondendo a cada unha delas 150 euros.
O xurado estivo composto por Arturo Abrigueiro e Marcos Maril.
Como agasallo as persoas premiadas recibiron corazóns sonoros da artista Montse Rego (en paisaxe sonora) e a obra de Mónica Alonso ‘Cama vermella flotando en mar azul’ (en Videocreación).
Esta iniciativa enmárcase dentro da programación artellada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da Universidade de Santiago de Compostela, Cultura e Turismo do Concello de Lugo e da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo.






























