Residencias Artísticas no Vello Cárcere. «Residencias Paraíso» é un programa de residencias artísticas de investigación e creación arredor da danza e as artes vivas contemporáneas.

Un ano máis, a Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua apoia estas residencias co obxectivo de “fomentar a aparición de proxectos de investigación e creación arredor das novas linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística luguesa”, indicou Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua. 

Do mesmo xeito, preténdese normalizar o concepto de residencia artística, algo “fundamental para o presente e o futuro das políticas culturais en Galiza”.

Cada residencia terá unha duración de 2 a 3 semanas cunha mostra final do traballo realizado. 

A primeira proposta, What looks at me sorroundings me da artista Alejandra Pombo, foi seleccionada para o Vello Cárcere polo espazo de represión recuperado para a actividade cultural en consonancia coa diferente tipoloxía das propostas que, ao sumarse, favorecen o traballo das diversas fases do proxecto artístico.

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, e a concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, visitaron xunto ás integrantes do colectivo RPM o Centro Sociocultural O Vello Cárcere. Foto: Gab. Com. Cultura

Alejandra Pombo

Alejandra Pombo é artista transdisciplinar que vén das Belas Artes cunha longa traxectoria na performance que presentou un proxecto arredor da capacidade expresiva do berro como unha reivindicación da animalidade do ser humano.

Trátase dunha artista cun proxecto riguroso e ben articulado, que estará acompañada por Berio Molina e Xoán Xil López. A súa residencia durará as 2-3 semanas previstas cunha mostra final o día 15 de xullo.