Versos na Barraca con Olga Novo e Eva Veiga
Deter o tempo, 4 de xullo 20:00 horas Pza da Mosqueira
Olga Novo e Eva Veiga
O tempo é un invento humano que nomeamos con palabras. O amor, a norte, o desexo…A beleza e a verdade. Deter o tempo é unha propiedade da mellor poesía, a que parece estar suxeita do que non se atina a dicir e, por iso, aínda resulta máis necesaria. A poética lúcida e confesional de Olga Novo e as palabras como faíscas mártires do auténtico de Eva Veiga achéganse ao que non ten nome.
PROGRAMACIÓN VERSOS NA BARRACA
Palabra en tránsito, 11 de xullo
Silvia Penas e Samuel Merino
A poesía é un bosque de moitas árbores ou unha árbore de moitas pólas. Así, hai unha poesía que nace para ser declamada e posta en escena. Unha linguaxe alimentada por silencios, complementada por encontros, declamacións conxuntas e a lixeira dramaturxia versada que nos achegan a pompa reflexiva de Samuel Merino e a performance de longo percorrido de Silvia Penas. Dúas manifestacións da palabra en tránsito feita poesía.
Se un día un verso, 18 de xullo
Pilar García Rego e Miriam Ferradáns
Se un día o verso o detivese todo. Se un día un verso volvese do soño cunha flor na man. Se un día un verso detivese a guerra. Se un día un verso pintase a sombra en cor. Se un día un verso nos ofrecese o tacto da ausencia. Se un día un verso incendiase o teu corazón. Se un día un verso fixese calquera desas cousas, haberiamos preguntar onde están Pilar García Rego e Miriam Ferradáns, unha promesa de verdade íntima que deshabita a nada. Aí vai a tola soñando! E é posíbel que sexa unha soñadora. But I not the only one!
Lalín Epicentro Terra, 5 de agosto
Celso Sanmartín, Masha Álvarez e Benxamín Otero
Un tremor atravésao todo ás veces. A poesía é un barco un pouco. Do apuro á porta das casas ás evocacións nostálxicas de Lalín entre a néboa de Dakota ou a lucidez fugaz e breve que trae a forma dunha nube. O outro lado da poesía: a música! Porque sempre valerá máis unha Luísa Villalta que un Louis Vuitton. A poesía ocúpase tamén do fráxil, o que escintila á luz da lúa nas pedras dun carreiro, o silencio contido nos ollos de Amparo de Zobra ou na revelación que nos ofrece o cotián, o que non figura. O que se escapa. Poesía inserida na terra co seu epicentro en Lalín. Terremoto!
Novo verán de poesía galega en Lugo co ciclo «Versos na Barraca».