«Peinó 100»: o Vello Cárcere acolle unha nova exposición do escultor Luis Ferreiro Peinó coincidindo co seu centenario.
O acto de inauguración será o mércores 03 ás 20h e contará coa presenza da concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro

As obras de Luis Ferreiro Peinó volverán reunirse publicamente xusto dezasete anos despois. Aquel 3 de novembro de 2004, fora o Círculo das Artes quen acollera unha emotiva exposición de homenaxe meses despois do pasamento do escultor. Agora, coincidindo co ano do seu centenario, é o centro sociocultural O Vello Cárcere quen recolle o testemuño.

A exposición inaugurarase nun pequeno acto o vindeiro mércores 3 de novembro ás 20h. Nel intervirán Maite Ferreiro, concelleira de Cultura; Roque Sanfiz, editor da revista Mazarelos; Brais Ferreiro, neto de Peinó; e Xoán Luis Ferreiro, fillo do escultor.

As obras do artista están dispostas ao longo de nove das antigas celas de mulleres no 1o andar. A gran maioría da mostra está conformada polas súas mellores esculturas, mais tamén se poderán coñecer aspectos biográficos e obras realizadas con técnicas e materiais diferentes á escultura e á
madeira.

A do centenario trátase da oitava exposición individual de Ferreiro Peinó. Lonxe queda xa a primeira, organizada na Deputación de Lugo no ano 1968, á cal lle seguiron as de 1975, 1977, 1980 (todas de novo na Deputación de Lugo), 1980-1981 (Begonte), 1981 (O Páramo) e a xa mencionada do 2004 no Círculo das Artes de Lugo. 

A do Vello Cárcere é tamén a segunda exposición tras o falecemento do escultor.

A mostra poderá visitarse no horario habitual do centro e estará dispoñible durante dous meses, ata o 7 de xaneiro do ano vindeiro.