Nova edición do exitoso programa de concertos BOCANOITE do Lugo Cultural. Grupos-artistas na terraza da Casa do Saber e público no atrio da catedral é o formato desta proposta perfecta para as noitiñas dos mércores, non hai máis que ver as fotografías da pasada edición.

 

Tanxungueiras, o trío de pandeireteiras e cantareiras galegas creado hai xa un lustro por Aida Tarrío e as xemelgas Olaia e Sabela Maneiro, abrirá o 7 de xullo, ás 20.30 horas, a segunda edición do ciclo ‘Na Bocanoite’, cun espectáculo sonoro que servirá asemade para presentar ao público lugués o seu último traballo, ‘Midas’, un disco no que estas valentes, fortes e empoderadas cantareiras da nova década mesturan a tradición e a vangarda.

Marcos Teira será o protagonista de ‘Na Bocanoite’ o 14 de xullo, data na que está programado o concerto de presentación de ‘Nós’, o último disco do guitarrista nado en Pobra do Caramiñal. Neste traballo, Marcos Teira conta coa colaboración musical de Alfonso Calvo (baixo), Moisés Fernández (percusión) e Alejandro Vargas (piano).

O ciclo ‘Na Bocanoite’ ofrecerá ao público lugués e tamén aos visitantes que se acheguen ata a cidade amurallada na tardiña do 21 de xullo a posibilidade e gozar dos poemas musicados de Lorca. Nesta nova entrega do chamado ‘Proxecto Lorca’, o elenco de intérpretes estará conformado por Noeila Geada e David Taboada, Nebra, Infrarroja, Muruáis e Monsal e Condensadores de Fluzo.

O dúo Caamaño e Ameixeiras, integrado por Sabela Caamaño (acordeón cromático) e Antía Ameixeiras (violín e voz), pechará o 28 de xullo a nova entrega de ‘Na Bocanoite’, unha iniciativa cultural que agromou desde Lugo Cultural como alternativa para achegar a cultura e as creacións de artistas galegos ao público e que, logo do éxito colleitado na súa edición de 2020, semella terse consolidado como un programa acaído e atractivo para o verán lugués.

As catro actuacións programadas no marco do ciclo ‘Na Bocanoite’ comezarán ás 20.30 horas. A entrada aos concertos, cuxo aforo pode verse condicionado pola situación sociosanitaria derivada da pandemia causada pola COVID-19 é gratuíta, aínda que se require solicitar convite con antelación. Daquela, as persoas interesadas deberán tramitar a súa petición de entradas a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es . Tamén se pode obter máis información a través do número de teléfono 982 821513. O aforo é limitado para todos os concertos e en caso de choiva, as actuacións trasladarán a súa sede ao auditorio municipal Gustavo Freire.