«Lugo a pé de cámara» é unha serie de 3 photowalks gratuitos organizados polo colectivo Ruando e Guido Guía, que propoñen percorrer Lugo e descubrir a cidade desde a fotografía.

Un photowalk é un paseo fotográfico organizado no que un grupo de persoas percorre un determinado espazo coa intención de observalo e fotografalo desde diferentes miradas. Nel teñen cabida tanto persoas principiantes que empregan o smartphone como afeccionados con cámaras avanzadas, compartindo consellos e experiencias, aprendendo uns dos outros e gozando do proceso creativo en grupo.

Cada paseo terá o seu propio reto fotográfico, que servirá como punto de partida para que cada participante explore e desenvolva a súa propia mirada.

Haberá unha breve introdución sobre a fotografía de rúa e fotografía urbana. Durante o percorrido, estaredes acompañados por fotógrafos do colectivo Ruando, que vos poderán asesorar e resolver as dúbidas e preguntas que poidades ter.

Ao rematar o percorrido, reunión nunha cafetería para compartir impresións, comentar a experiencia e conversar sobre as fotografías realizadas.

Programa

1. Photowalk · O coñecido, de novo
Data: 3 de setembro · 17:00h a 19:00h
Punto de encontro: Centro · Praza Maior

2. Photowalk · A vida nas rúas
Data: 1 de outubro · 17:00h a 19:00h
Punto de encontro: Norte · Praza da Milagrosa

3. Photowalk · Cando cambia a luz
Data: 5 de novembro · 17:00h a 19:00h
Punto de encontro: Sur · Parque de Rosalía

E despois do paseo… a fotografía continúa

As persoas participantes poderán enviar unha fotografía realizada durante o paseo. Nunha primeira fase, as imaxes compartiranse no grupo de WhatsApp correspondente a cada photowalk, e a comunidade participante poderá escoller as súas favoritas mediante reaccións.

As tres fotografías máis votadas de cada paseo pasarán á fase final. Estas tres finalistas publicaranse no Instagram de Ruando, onde se realizará unha segunda votación aberta mediante reaccións.

A fotografía máis votada será a gañadora do photowalk e recibirá como premio unha ampliación Fine Art da súa fotografía.

RuandoPhotoFest Lugo26

Os tres photowalks funcionarán tamén como unha conta atrás cara ao Festival de fotografía RuandoPhotoFest Lugo’26, que se celebrará do 4 ao 8 de novembro de 2026 en Lugo.

O terceiro e último paseo terá lugar precisamente durante o propio festival, pechando así este percorrido fotográfico pola cidade.

Lugo a pé de cámara nace coa vontade de crear comunidade arredor da fotografía, estimular novas formas de mirar Lugo e descubrir aquilo que ás veces pasa desapercibido. Unha invitación a camiñar, mirar, fotografar e compartir, para levar esa mirada colectiva ata o festival.