Os lucenses Diego Segade e Brian Rodríguez reconstrúen ‘Historia do Soldado’ de Stravinsky

Unha actualizada ‘Historia do Soldado’ de Stravinsky no Festival de Música Cidade de Lugo este sábado 08/06 ás 20:30 no Círculo das Artes
Os lucenses Diego Segade e Brian Rodríguez reconstrúen a obra mestra mesturando música, cine e teatro.

XUÑO 2019 Mutatio ensemble xorde da unión de dúas personalidades que pretenden aportar unha nova e contemporánea visión das obras de música clásica. Para o concerto do vindeiro oito de xuño, Diego Segade estará tras a dirección musical dun Septeto (Florían Vlashi no violín, Todd Williamson no contrabaixo, Antonio Suárez no clarinete, Steve Harriswangler no fagot, Alejandro Vázquez na trompeta, Eyvind Sommerfelt no trombón e José Belmonte na percusión) que interprétará a obra de Stravinsky, mentres que, na dirección escénica, Brian Cortiñas contará cun elenco de actores (Anxo Manoel, Isa Herrero e Germán Frasio) que darán vida a una reelaboración do libreto da obra. Un concerto multidisciplinar no que se mesturan teatro, música e cine, unha innovadora proposta que convertirá o Círculo das Artes nun novo concepto escénico.

A historia orixinal, estreada con polémica despois da Primeira Guerra Mundial, perfila a un soldado que vende a súa alma (simbolizada nun violín) ao demo a cambio de riquezas. Na do Mutatio Ensemble, a vida dun soldado convértese na dun músico desexoso de poder e fama, e a épica, o humor e a ironía combínanse para dar vida e presenza á música que se estreou para demandar ás conciencias dos homes e mulleres de fai un século. Como na versión orixinal, na do Mutatio crean un mundo de fantasía a partir de anacos da realidade do momento.

Diego Segade, licenciado en viola no COSMUPA de Oviedo e especialicado na Interpretación Historicista pola Universidade Autónoma de Barcelona e a Escola Superior de Música de Cataluña, é actualmente profesor de viola no CMUS Superior de A Coruña. No ano 2014 accede ás ensinanzas superiores de Dirección de orquestra, e, dende entón, ten colaborado coa Orquestra 430 de Vigo, a Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia e a Orquestra Gaos. Ademáis, é cofundador do Festival de Música Clásica ‘Son As Pontes’

Brian Rodríguez, realizador, guionista e editor de vídeo licenciado en Humanidades e Máster en Creación, Desenvolvemento e Comercialización de Contidos Audiovisuais combina o traballo de realización de vídeo coa creación de ficción, sexa en forma de curtametraxes ou sketches baixo o nome de Casaveteiro Films. Ademáis tamén escribe, dirixe interpreta para a compañía teatral lucense Microefectos Dramatúrxicos.