Oliver Laxe no patio de butacas dunha sala dos Codex Cinema de Lugo o día da presentación de "O que Arde"
«O que Arde» é un fito na historia do cinema galego. Oliver Laxe, o seu director, atendeu a este medio na presentación do filme nos Códex Cinema.
Aínda pode verse «O que arde» nos Codex Cinema – horarios ao final do artigo – Este mércores 30 coa presenza dos protagonistas, Benedicta Sánchez e Amador Arias, nas dúas primeiras sesións, ás 18:00 e 20:00.

Outubro 2019 – Unha entrevista de Sara García con fotos do Loopez.

Entrevistamos a Óliver Laxe con motivo da súa visita a Lugo para presentar O que arde nos Codex Cinema, un filme que está a levantar unha grande expectación. Segundo informaba estes venres nas redes sociais a distribuidora Numax, a película vén de superar os 40.000 espectadores, dos cales máis de catro mil lucenses xa a viron nas salas dos Codex.

Falamos con Óliver Laxe de cinema, das súas orixes, de traballo e sacrificio, da necesidade de recuperar o esencial, e do seu proxecto persoal para dinamizar a súa aldea nos Ancares lucenses.

Son as seis e media da tarde. Cae auga a chuzos. O Codex Cinema ateigado de xente. Logramos sortear as longas colas ás portas do cine e atopamos a Óliver e Amador Arias -o actor protagonista- recibindo a un grupo de persoas que fixeron kilómetros para estar alí ese día.

Como estás levando a acollida do filme? Dá gusto ver os autobuses cheos de xente baixando das aldeas para ver as súas montañas nos cines de Lugo. Algo que tamén acontecera coa estrea de Trinta Lumes de Diana Toucedo.

Pois moi emocionado e agradecido. Está sendo moi fermoso recibir tanto cariño do público e que me exprese o que lles gusta do filme. Moitos non son capaces de describir as súas emocións…

Estamos entre as dez películas máis taquilleiras do país. É un exitazo para nós porque é moi difícil cunha distribución tan modesta competir coas películas que están na carteleira. E o mérito é voso. Estades respondendo moi xenerosamente. Non podo estar máis contento.

Dixeches nunha ocasión que o cine se eleva cando trascende ao propio autor. Creo que pasa con O que arde. Hai un sentimento de que a película é «nosa».

Con esa intención se fan, para servir ao espectador e que a película sexa un espello para todos. O traballo dos cineastas é un espello no que se poden mirar e recoñecer os espectadores. O cinema é unha ferramenta que ten a sociedade para expresarse. Esta película emana dunha necesidade, dun berro da sociedade, da sensibilidade dunha época e dunha xeración que se plasma na película. Unha película espello na que a xente se está vendo reflectida e reconectando con algo esencial.

Falamos con Óliver Laxe de cinema, das súas orixes, de traballo e sacrificio, da necesidade de recuperar o esencial, e do seu proxecto persoal para dinamizar a súa aldea nos Ancares lucenses.

4.000 persoas xa foron a ver "O que arde" aos Codex Cinema
Os Codex o día da presentación oficial do filme con Oliver Laxe e Amador Arias
Comentaras que estás moi atraído pola «dureza» do rural, desa servidume… Unha idea que chamas ‘soberana sumisión’.

As palabras teñen o sentido que lles damos, e cada sociedade, cada tempo, dalles un sentido. Vivimos nunha modernidade na que palabras como sacrifico e sumisión se desvirtuaron do sentido orixinal. Sacrificio etimoloxicamente quere dicir “facerse sagrado”. Dalgunha maneira ten unha connotación positiva: facerse sagrados co traballo, que é como facemos en Galiza. Nunha sociedade secularizada como é a nosa, desacralizada; a sumisión enténdese como alguén que se somete a outro. E iso está mal visto. Pero a sumisión no campo dase porque a xente que vive alí está sometida a algo que os supera: a propia natureza, a morte, os elementos… Polo tanto, cando falo de ‘soberana sumisión’ son como dous termos que se contradín. Un oxímoron. Porque soberanía é liberdade e sumisión é escravitude.

Son dos que cren que o sufrimento e o sacrifio é o que nos fai libres e sentir que non somos libres é o que nos fai libres. E por que o digo? Porque eu veño do rural, vivín o campo, vendo aos meus familiares e a estes dous veciños que viñeron ver hoxe a película. Vía neles vidas máis duras que na cidade pero que evitaban outro tipo de sufrimento máis sutil que temos nas cidades, en forma de neuroses, de medos, angustias, ansiedade…

Eu téñoo claro, de feito vou volver a vivir na aldea a partir do ano que vén. Dun xeito diferente ao dos meus ancestros, porque vivirei e traballarei de distinta maneira e seguirei coas miñas viaxes e demais, pero sei que me apetece, porque no rural voume sentir pequeno todos os días e iso, para min, estruturalmente vai ser positivo, porque no fondo todos somos moi pequenos. O que pasa é que nas cidades os nosos egos empezan a coller a dianteira e cremos que somos máis grandes do que somos. Precisamente a nosa sociedade está fundamentada en deixar de sufrir, deixar de morrer, de envellecer; queremos ser xoves, non ter engurras… Iso si que é un cárcere.

"Esta película emana dunha necesidade, dun berro da sociedade, da sensibilidade dunha época e dunha xeración que se plasma na película. Unha película espello na que a xente se está vendo reflectida e reconectando con algo esencial."

Vas volver a vivir na túa aldea, onde vas fundar unha escola de cine e un proxecto de agricultura ecolóxica. Co obxectivo de que o rural non morra?

Quero ocuparme do val onde naceron os meus, a aldea na que se criou miña nai. Din que Galiza é o país dos mil ríos; vales non sei cantos haberá, pero por cada galego que se encargara do seu, creo que teríamos outro país. Non sei se o darei conseguido, pero a idea é esa, dinamizar cultural e economicamente a zona e ter resultados tanxibles, que se asente poboación e que veña xente moza. Precisamente o feito de que sexa unha aldea abandonada, o feito de que xa morrera, creo que é onde antes vai renacer algo. Por todo o que se está a perder, penso que o futuro está aquí, no rural.

Tamén pode ser máis fácil loitar por cambiar as cousas nun lugar pequeno.

Pode ser. Si…

Algo que me gusta moito de O que arde e esa ambigüidade coa que xogas. Non vas polo camiño trillado de buscar culpables, vas campo através, como Amador na película.

Non é que xogue coa ambigüidade, xogo coa complexidade do mundo. Todos somos bos e malos ao mesmo tempo, capaces do mellor e tamén do peor. Hai ambigüidade no sentido de que non se din as cousas claramente, pode ser. E pode que nese sentido sexa moi galega a película.

Amador Arias, actor de "O que Arde" nos Codex Cinema
"O que arde" - Fotogramas - Fonte: web oficial do flime https://distribucion.numax.org/es/peliculas/lo-que-arde
Hai unha frase de Benedicta sobre os eucaliptos que sintetiza moi ben o que pensas sobre a culpa: “Se fan sufrir é porque sofren”.

Si. Dalgunha maneira quería facer unha película sinxela sobre o amor. E creo que o amor é iso, entender que cando alguen fai mal é porque está a sofrer. Parar ese bucle da dor.

Nas túas películas recorres a actores non profesionais. Que che aportan este tipo de intérpretes?

Cada película pide unha cousa diferente. Esta é no campo e tiña que coller xente de verdade. Amador e Benedicta non son estrictamente do campo pero si naceron na aldea e teñen eses xestos verdadeiros. Teñen unha virxindade que é moi bonita tamén, traballar dende cero, amosarlles o oficio, confiar neles. Creo que é unha das mensaxes do filme, a beleza está onde menos o esperas.

Coa beleza tamén hai unha dicotomía. Refléxase moi ben no prólogo da película. As imaxes transmítenos beleza, pero a beleza vén coa destrución.

Ti cando miras unha paisaxe bonita, imaxínate, dende un outeiro vendo unha montaña, iso é bonito, pero dentro desa beleza estanse producindo grandes traxedias: animais que se están comendo uns a outros, mortes crueis… Para que exista a beleza hai morte, son todo paradoxos.

Como o paradoxo do lume.

Como o paradoxo do lume… Como o paradoxo de apagar un lume que o apagas matando, sacrificando.

Amador Arias e Oliver Laxe na presentación de "O que Arde" en Lugo
O que arde tamén é a propia película. Porque vós adentrádesvos nos incendios cunha cámara de 16mm co temor de que o negativo poida queimarse.

Facer cine e rodar ten algo de risco e de retos.

Penso que o que arde son eu. Un espello da terra que arde, non no sentido literario. Detrás da película hai unha dor, un xemido de orfandade, unha memoria que arde. Digamos que é o que estou empezando a entender da película. Hai unha dor ancestral, unha dor da terra, dos nosos, de xeracións de labregos. Hai un sufrimento latente que aínda non sei por que se expresou a través desta película. Non sei con que efectos, obxectivos, pero hai algo ahí que se quixo expresar a través da película.

Fálase moito de que este é o primeiro filme que rodas no país. E non é certo. A túa curtametraxe París #1 (2008) situáse nos Ancares e, xa daquela, saen helicópteros contraincendios.

Os dous personaxes que retrato na curta están sentados agora mesmo neste cine, vendo a peli. A curta está moi vencellada esencialmente con este proxecto. Quería filmar o lume xa que houbera moitos incendios o ano anterior pero non había ningún lume en 2007 e dediqueime a filmar a beleza do país, a xente, os animais, o campo. Nese filme xa amoso esa esencialidade, a sinxeleza que busco, os xestos. A curta comeza con alguén que corta o pan.

"Penso que o que arde son eu. Detrás da película hai unha dor, un xemido de orfandade, unha memoria que arde."

Chamoume moito a atención que a túa próxima longametraxe sexa unha road movie psicodélica…

Será unha película máis grande e internacional que vou ir facendo pouco a pouco. Gústame facer unha peli fóra e despois unha galega. Creo que ese vai ser o meu equilibrio. Este é un proxecto grande, vai ser un filme de aventuras, pero tamén de aventuras interiores. Con ganas. Pero non teño présa. Agora teño que invertir todo o meu tempo e enerxía no centro pedagóxico que vou desenvolver na aldea. Facer cine está ben pero quero facer cousas máis tanxibles.

O teu cine, e o de cineastas galegos coetáneos como Diana Toucedo ou Xacio Baño, é inserido nun marco global coñecido como o Novo Cinema Galego. Que opinas ao respecto?

Hai voces moi diferentes. Non me gustan moito as categorías. Pero si que dende logo hai algo, unha efervescencia particular. Sempre digo que os artistas somos sismógrafos, sentimos cousas antes de que sucedan. Creo que nestes cineastas, francotiradores galegos, nesa volta ao campo hai cousas que formularse. Por que estamos filmando tanto o rural? Desesperación, falta de referentes, ensimesmamento, escapismo…? Hai unha necesidade de reconectar con algo esencial.

Presentación de "O que Arde" en Lugo - Codex Cinema.

Tras a nosa entrevista tivo lugar un coloquio co director no que respondeu ás preguntas da audiencia. Xunto a el estivo Amador, quen tamén respondeu aos agarimosos comentarios de, practicamente, a súa veciñanza. “Dá gusto ver tanta xente”, dixo Óliver ás espectadoras que enchían o patio de butacas. E digo espectadoras porque a inmensa maioría eran mulleres. Unha desas señoras maiores que van ao cine, das que fai eloxio Elvira Lindo, manifestoulle as grazas ao director: «Esta película emociónanos porque nos dignifica, á terra, aos labregos en especie de extinción que resisten con esa dignidade».

Aludiuse tamén á fraxilidade deste tipo de cine, das películas «con alma». Por iso, Laxe interpelou de maneira directa ao público para chamalos a coidar estas salas de cinema «fronte a ese cine desalmado que intenta durmir ao espectador en vez de facelo despertar». «Tedes unha responsabilidade co Codex», apuntou para concluír o primeiro dos tres coloquios que ofrecería ata altas horas da noite.

Temos moito que celebrar de Óliver Laxe. A xira que se está pegando para falar coa xente nos cinemas fai que a súa bondade resulte dun acto de xenerosidade extraordinario, pouco común neste mundo do cine, desgrazadamente. Así e todo, alén do seu talento e das súas películas, aínda celebro máis ese esforzo continuo por buscar a esencia daquilo que realmente importa e que lle permite ubicarse en todo momento e preservar a humildade, a ilusión e as ganas de loitar. Viva!

Aínda pode verse O que arde nos Codex Cinema este mércores coa presenza dos protagonistas, Benedicta Sánchez e Amador Arias, nas dúas primeiras sesións, ás 18:00 e 20:00, e ás 22:00 horas. Tamén o xoves ás 18:00, e o venres ás 18:00 e 20:00 horas. Consulta máis horarios neste enlace.

Laxe interpelou de maneira directa ao público para chamalos a coidar estas salas de cinema "fronte a ese cine desalmado que intenta durmir ao espectador en vez de facelo despertar"