Mulleres con Forza

Maio 2019 Este mércores 29/05 ás 20:00 horas, terá lugar unha nova actividade enmarcada dentro da programación Mulleres con Forza, posta en marcha por Deputación e Concello, co fin de achegar o feminismo á cidadanía. O Vello Cárcere acollerá dúas representacións; a obra de teatro Érase unha vez, da compañía Microefectos Dramatúrxicos e a actuación musical da cantante Iria Estévez que presentará o seu novo traballo en solitario Atlántica.

– Érase unha vez…: esta mostra teatral de microteatro, achega da man dos actores Conchi Madrina, Isabel Herrero e Raquel López os micromachismos ou machismos que poden atoparse nos contos infantís. Compañía Microefectos Dramatúrxicos

Autora e directora: Conchi Madrina. Duración: 20 minutos.

Sinopse: Os contos que contamos ás nosas nenas e nenos poden non ser os máis axeitados, os micromachismos ou o machismo máis recalcitrante aflora en moitos deles. 3 actrices intentan visibilizalo na súa obra pero o seu director non está pola labor.

– Iria Estévez é unha das cantantes máis valoradas da xeografía galega. Presentará no Vello Cárcere o seu traballo  «Atlántica».  Tras unha exitosa andadura dirixindo proxectos como Clave de Fado (seleccionada polo INTERFADO de Cataluña) ou Arifi (Gañadores do concurso internacional Castilla Folk) e colaborando con moitos outros, Iria Estévez mostra agora o seu lado máis íntimo con este novo proxecto. Este disco transporta ás terras máis próximas e lonxanas, a través das músicas que navegan no mar: o fado, o son, a cantiga galega, musicas de Cabo Verde e Arxentina, que reflexan o eterno navegar ás veces sereo e suave e outras, enérxico e intenso.. Iria Estévez é unha das cantantes máis valoradas da xeografía galega, que conta cunha ampla carreira profesional. A artista, que debutou no 2010 co grupo Clave de Fado, achega neste traballo o seu lado máis íntimo.

 

ENTRADA GRATUITA ATA COMPLETAR AFORO

Mulleres con Forza

Esta programación, que comezou no mes de abril, inclúe dúas actividades máis que terán lugar no Vello Cárcere:

– 2 de xuño: ás 19:00 horas, Sonia Lebedynski, presentará o disco Desertos de centros.
– 7 de xuño: ás 20:30 horas, Najla Shami, presentará o seu traballo Ela sabe o sol.