A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, presentou na Capela de Santa María o MusicAD, a nova programación musical que ofrece o Goberno Provincial de impulso da música folk coas actuacións de Xabier Díaz e Adufeiras, Carme Penín, Tango en Xanx3iro, Os d´abaixo e Triad con Dónal Lunny
O MusicAD que terá lugar en marzo na Sala de exposicións da Capela de Santa María ás 20:30 horas. As entradas, que son totalmente gratuítas, poderanse recoller na propia Capela de Santa María a partir do domingo anterior a cada concerto e días seguintes ata esgotar existencias.
Programación
– Sábado 3 de marzo: Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre – ENTRADAS ESGOTADAS – presentan Noró, algunhas músicas do Norte, que pon acento nas músicas que habitan o noroeste peninsular. Dos primeiros sopros de Xabier nunha gaita de fol nos albores dos 80 ata Coplas Para Icía (2007) pasaron case 30 anos. A súa curiosidade facilitou a chegada de experiencias que se sucederon tendo sempre a música popular no horizonte: Xacarandaina, Rumbadeira, os primeiros traballos de campo, unha incesante actividade docente, asociacións, concursos, certames, etc. Neste proxecto participan Javier Álvarez co acordeón diatónico, Gutier Álvarez co violín e a zanfona, e as Adufeiras de Salitre con percusión e voz.
– Xoves 8 de marzo: O Goberno da Deputación celebra o Día da Muller co concerto de Carmen Penín co espectáculo Herdeiras. Segundo a propia artista, Herdeiras, é un proxecto quere contribuír á difusión do papel das mulleres na época da guerra civil e a posguerra, resaltando o seu valor e resistencia, o seu compromiso e solidariedade. Quere tamén destacar cómo as mulleres actuais estamos en débeda con elas, que loitaron por un mundo no que ser muller fose máis doado; coñecelas axuda a construír a nosa identidade actual, dende o orgullo e o sentimento de pertenza. Quere facer tamén un chamamento á unidade e á empatía entre todas as mulleres, independentemente do seu lugar de procedencia. E por último, pretende chamar a atención de toda persoa demócrata sobre a Memoria Histórica como vehículo de reconciliación e xustiza.
– Sábado 10 de marzo: actuación de Tango en Xan3iro, que está formado por: Marisa Dapereira no acordeón, Patricia Coucheiro na voz, Xosé Ramón Saborido no clarinete baixo e Bruno Villamor na zanfona, gaita e requinta. Catro fontes de harmonía que conflúen case por casualidade no Berce do Miño dan lugar a Tango en Xan3iro, a finais do ano 2015. Unha zanfona, un clarinete baixo e un acordeón con raiolas de gaita e voz, dan a súa particular lectura de melodías tradicionais facéndoas propias, e interpretan melodías propias achegándoas ao tradicional.
– Sábado 17 de marzo: A banda folk Os d’Abaixo está formada, entre outros, por músicos de dous dos grandes referentes da música en Galicia: Berrogüetto e Fía na Roca. Presentan nesta actuación Quixera ser dos paxaros, o seu segundo disco, composto por temas case todos inéditos, provintes dun grande traballo de investigación, ao que tamén se adica a banda. Un disco máis intimista onde o compoñente estético ten moito peso, tanto na coidada selección de letras como no deseño gráfico e a fotografía.
– Sábado 24 de marzo: Dónal Lunny, Pádraig Rynne e Sylvain Barou forman o grupo irlandés Triad. Lunny é membro fundador de bandas como Planxty, The Bothy Band, Moving Hearts and Coolfin. Lunny, actuou con artista como Mark Knopfler, estivo á vangarda da evolución da música tradicional irlandesa durante máis de trinta e cinco anos e participou no renacemento da música tradicional irlandesa nese período de tempo. Rynne é membro fundador de Guidewires e está involucrado en moitos proxectos innovadores de nosa era moderna da música irlandesa, e Barou ao que se lle atribúe o axudar música bretoa a evolucionar coa súa xeración, tamén foi membro fundador de Guidewires.
Actividades paralelas:
Exposición “Frauen” do fotografo Peter Schneider
Paralelamente na Capela de Santa María haberá unha exposición do fotografo Peter Schneider, baixo o titulo “Frauen” (Mulleres). Esta mostra recolle a obra deste autor afincado en Lugo, que xurdiu tratando de encontrar coa fotografía os sentimentos das mulleres.
Encontro con TRIAD
O día 24 de marzo, na Capela de Santa María, os seguidores do grupo irlandés TRIAD teñen unha cita cos compoñentes da banda, xa que manterán un encontro cos seus seguidores. As prazas para este evento son limitadas, a inscrición realizarase a través do seguinte correo; info.centrad@deputacionlugo.org