El Alquimista - Tenda de artesanía lucense

Decembro 2019 – Sara García

Aínda queda a visita dos Magos para quen lle pasen pola casa, ou do Apalpador, que baixa das montañas en Noiteboa pero tamén pode facelo en Aninovo -a data límite pode variar en función da tradición vixente en cada familia-. Desde VivaLugo queremos darche algunhas ideas para os teus agasallos: libros, música, xoguetes, roupa, viño… Un pouco de todo. Temos en Lugo unha chea de pequenos comercios estupendos que loitan, cada día, pola supervivencia da nosa cidade. Velaquí unhas poucas ideas, das moitas que se poden atopar, sen ter que recorrer a Amazon ou ás grandes superficies.

Música e baile

Por que non regalar experiencias -e aínda mellor, musicais- para poder desfrutalas con alguén? Imaxina a cara desa persoa que te acompaña sempre aos concertos se ve dentro dun sobre un abono para o Fa Ce La Fest. O festival lucense vén de confirmar as datas de celebración da súa quinta edición -14, 15, 16 e 17 de maio- e tres artistas de renome como Chucho, Soleá Morente e Christina Rosenvinge. Entradas a 30 euros e moitos grupazos por confirmar, aquí.

O Nadal tamén é un bo momento para agasallar un disco dunha banda lucense. Por exemplo, Arboreal, o retorno de Holywater tras sete anos sen cancións novas. Neste último traballo, a mítica banda de Lugo aproxímase a sonoridades más acústicas aínda que manteñen o poso de rock elegante que os caracterizou sempre. O disco ofértase en formato vinilo con CD incluído. Podes mercalo aquí.

Pero, que é a música sen o baile? Regalando un curso de baile asegurarás un recordo para toda a vida e ademais será un regalo moi orixinal. A escola tradi Oxeito, do reputado bailarín lucense Xabier Iglesias -quen ten un papel destacado durante o San Froilán coa Verbena Galega d’Antes-, ofrece unha tarxeta agasallo por un curso de baile tradicional para distintos niveis e idades. Oxeito está na Rúa San Eufrasio, 94


Cine

Hai uns días púxose á venda a edición especial formato DVD de Trinta lumes, a película de Diana Toucedo que transcorre na montaña de Lugo e que colleitou éxito por todo o mundo -con especial presencia en Berlín e Barcelona- pero tamén local, cunha resposta masiva do público lucense. O DVD inclúe coa película un pequeno libreto homenaxe a O Courel con fotografías de Miguel Ángel Amoedo, pasaxes da poesía de Uxío Novoneyra e algúns textos que escribiu a equipa do filme. Pódelo adquirir na Librería Trama.

Chega o Nadal e as crianzas non teñen nin cole nin actividades, que mellor que levalas ao cine a ver un clásico da animación como A princesa Mononoke? A película de Hayao Miyazaki ten múltiples pases esta semana en Codex Cinema. Outra xaponesa que estrean é A verdade, de Hirokazu Kore-Eda, coas actrices Catherine Deneuve e Juliette Binoche interpretando a nai e filla nunha reunión moi típica destas festas. E outra estrea memorable é O traidor, de Marco Bellocchio, posiblemente o mellor cineasta italiano desde a morte de Pasolini e Bertolucci.

Mais se destaca especialmente a carteleira de Codex, é porque nestas datas coinciden tres películas con protagonismo galego e lucense: Eroski Paraíso, a adaptación de Jorge Coira da famosa peza teatral de Chévere; Longa noite, o filme comprometido de Eloy Enciso que fala da paisaxe lucense e da memoria histórica; e O que arde de Óliver Laxe, que segue enchendo as salas do Codex e foi nomeada a Mellor película nos Goya, onde competirá con Intemperie, protagonizada por Luis Tosar. Isto é, tres filmes dirixidos por lucenses e outro co actor lucense máis aclamado. Non as deixes pasar, apoia o cinema feito en Lugo!


Libros

A tradición de regalar libros é unha das máis bonitas, e sempre será unha boa opción.

A novela Quérote. Eu tampouco, o debut literario da escritora vilalbesa Cecilia F. Santomé, preséntase cunha formulación: “Poden dúas persoas á deriva salvarse mutuamente? Pode a necesidade de amar e ser amado abondar para sobrevivir cando a burbulla da felicidade estalou en mil anacos? ”. Podédela mercar na libraría Lectocosmos, onde se cadra vos atenda a propia autora, xa que Cecilia é unha das libreiras.

O poeta e artista plástico lucense Luís Valle, publicou este ano un novo poemario titulado Óstraka. Fontes editoriais anúnciano como un libro onde o poeta “reflexiona sobre a vida, a linguaxe e o finito de existencia cunha escrita fragmentaria, precaria e marxinal, coma os fragmentos cerámicos nos que se rexistraba o nome dos condenados ao ostracismo”. 

Mariña ulía a casa vella, a madeira noble, a terciopelo. Mariña tiña o corazón do seu avó, a alma da súa nai e a sorna do seu pai». Así comeza esta historia creada pola artista lucense Isabel Somoza, un conto dedicado a todos aqueles que, de cando en vez, volven con morriña aos recordos da nenez. Mariña inclúe unha boneca articulada feita con cartóns da histórica mercería Confecciones García, establecemento que fundou a súa familia en 1955. A publicación pode adquirise na tenda El Alquimista ou no centro de gravado Augatinta, do que Somoza é responsable.

Tamén podes agasallar banda deseñada. A espada de San Eufrasio é un cómic histórico debuxado polo lugués Miguel Fernández que recrea a Galicia da revolta Irmandiña. Acaba de publicarse o seu terceiro volume, Un pacto con Satanás, ambientado en Lugo, Monforte, Os Ancares, o Camiño de Santiago e Sarria. Precisamente a nova entrega comeza no interior da catedral de Lugo, cidade que cobra especial protagonismo. Atoparás calquera dos tomos na Librería Totem.

 

Ilustracións

O ilustrador e humorista gráfico lucense Leandro Barea, vén de publicar o libro Mas futvol por fabor, no que recopila o seu traballo feito entre 2014 e 2018. Historietas de cómic, viñetas humorísticas que triunfan en Internet ou intervencións urbanas polas rúas de Lugo que todos coñecedes. Bótalle un ollo ao seu bazar online, onde tamén hai ilustracións, camisetas, etc.

O debuxante lucense Alberto Guitián – face- é un dos principais autores galegos profesionais de banda deseñada, autor dos libros Fito & Pita, El Circo Lorza, e Petaco. Ten colaborado en revistas como El Jueves ou Mongolia. De cando en vez tamén traballa en longametraxes de animación (Chico y Rita, Psiconautas).

Landra Gráfica leva a ilustración a todo tipo de obxectos e soportes para facer o noso entorno cotián máis agradable. Camisolas, chaveiros, tazas, bolsas de tea, papelaría… Hai moito onde escoller na súa tenda.

As chapas: eses pequenos obxectos redondos e perfectos que se veñen usando para lanzar mensaxes de todo tipo. Todo cabe nunha chapa e LaChapera trae deseños que reinventan este pequeno gran obxecto pop. Podes mercar as súas chapas, aquí.

Anxo Vizcaíno mestura colaxe dixital e ilustración en pezas que exploran o universo, a natureza, a experiencia humana e a parte da realidade que permanece oculta. Esta paixón levouno a traballar recentemente para clientes como IBM e Interscope Records. Na súa páxina web ten á venda as súas láminas.

 

Artesanía

Haina de todos os tipos e prezos ben diferentes, para agasallos de todas as categorías. Destaca, por exemplo, a cerámica de autor de Lanalutum que une deseño e arte nas súas pezas de decoración ou incluso adorno persoal, todas feitas a man. Ou as creacións personalizables que elabora na Rúa Nova Mi madre no me deja, onde podes atopar vaixelas decoradas a man, xoiería de porcelana e complementos téxtiles estampados artesanalmente. Milbrumas é unha xoiería contemporánea con deseños feitos a man de formas meticulosamente estudiadas. E se estás interesado en produtos de coiro, non esquezas visitar a tenda de artesanía Tres Caracoles. Para todo o demais: El Alquimista, a tenda de artesáns da provincia de Lugo: cerámica, coiro, téxtil, xoiería, alimentación, etc. Todo o que se che ocorra feito en Lugo!


Moda

A imaxinación das deseñadoras lucenses non ten fin, e as súas creacións son sempre unha boa escolla para regalar. Sopa de Nuez, que ofrece prendas unisex con patróns dos anos 70 e 80 onde manda a ilustración e os estampados que elaboran de xeito artesanal, polo tanto, orixinais e sostibles; CepeceLugo, roupa urbana destinada a un público feminino xuvenil con marcas tamén preocupas pola sostentibilidade, e tamén tenda de complementos e agasallos co mellor humor en galego; ou para os máis peques, Moninadas con moda infantil de 0 a 14 anos e complementos feitos a man, e as orixinais prendas de Mamá Limón, son un acerto seguro. E ao contraio que acontece nestas tendas, hai un establecemento en Lugo no que a moda que ofrece é masculina, aínda que os accesorios son unisex e tamén hai complementos femininos. En Bororo Concept Store, como é habitual en toda concept store, hai lugar tamén para os obxectos artísticos e a cultura, así como para a artesanía galega.


Alimentación e bebidas

Unha boa escolla para regalar (ou regalarse) pode ser algo de comer. Produtos gourmet, artesáns, conservas… cos que por exemplo conformar unha cesta. A despensa do avó Franciso, que distribúe produtos frescos e de tempada de produtores locais e Bico de grao, que ofrece multitude de produtos do país e agricultura ecolóxica, son un acerto seguro. E tamén hai moito e bo onde elixir entre as bebidas, como os viños de EnVinissi e as cada vez mellores cervexas artesás lucenses Aloumiña e Doménicus, coas súas distintas variedades que maridan cas mellores propostas gastro.

 

Excursións e viaxes

A quen non lle gustar viaxar? Excursións, escapadas e experiencias turísticas, en compañía ou en soidade, perfectas para vacacións.

Guido Guía é un proxecto turístico afincado en Lugo que se está a converter nunha verdadeira revolución turística na cidade. Ofrece uns novidosos paseos guiados que levan por título #OLugoMenosCoñecido, a un custo de 6 € por persoa. Van xa 14 capítulos dos paseos e algúns deles estanse a repetir nestas festas. Este sábado será o turno de #ArteUrbana.

A asociación ecoloxista Adega-Lugo organiza rutas de sendeirismo, cultura e natureza en Galicia. Baixo o título de «Tecendo Redes» propón un programa de 9 roteiros ata o mes de xuño de 2020, que dirixe a todo tipo de públicos e que xa acada a súa vixésimo segunda edición. Polo xeral, realizarase un roteiro por mes e en domingo. Consulta aquí o calendario de excursións.

De igual xeito, a asociación cultural Cultura do País céntrase nos roteiros e nas experiencias relacionadas co noso patrimonio natural e cultural. Este domingo convocan o último roteiro do ano, 20km de Castroverde a Lugo polo Camiño Primitivo.

Camiños con arte ofrece un servizo de visitas guiadas en Galicia. Entres as ofertas máis destacadas, atopamos visitas con títulos como “Mulleres na Historia”, “Rutas co teu can” ou “Visitas para nen@s”, ademais de visitas guiadas por Lugo e o Camiño de Santiago.

E para viaxes e experiencias de ocio por Galicia, Siente Galicia atopará a túa escapada ideal de fin de semana. A bos prezos, organizadas por temáticas (gastronómicas, rurais, termais…) e poñendo en valor os recursos patrimoniais, naturais e culturais de Galicia.

Xogos e xoguetes

Para as crianzas non se nos ocorren mellores xogos que as propostas de Brazolinda un proxecto de deseño e fabricación de xogos de mesa en galego para nenas e nenos a partir de 6 anos. Xogos educativos para compartir en familia e que axudan a desenvolver a capacidade de observación, comunicación, razoamento… a través das adiviñas, as matemáticas ou xogos de agudeza visual, entre outros. Na Librería Trama podes atopar algúns destes xogos.

As bonecas Cestola na Cachola son pezas únicas, vestidas con retais do proxecto lucense FIXENÖEU, quen as confecciona con agarimo. Non hai dúas bonecas Cestola iguais, porque as súas roupas están feitas a partir de retais, o que significa que estas bonecas son un símbolo da importancia e valor da reutilización no sector téxtil. Podes comprar unha destas bonecas na tenda Bico de grao.

Lugo tamén é unha cidade de videoxogo. No xogo de simulación Cities: Skylines, que consiste en crear e xestionar a túa propia cidade, Lugo aparece recreada ao mínimo detalle. É obra dun veciño que pasea polas nosas rúas, non podía ser doutro xeito. Grazas ao modelador 3D Andrés Armesto, en todo o mundo xa coñecen detalles da muralla ou da catedral de Lugo. Armesto tamén deseñou o desaparecido Gran Teatro, pois unhas das motivacións que moven a este lucense é a conservación do patrimonio, do noso pasado. O videoxogo está dispoñible na versión para PC.

E para miniaturas e xogos de rol, a tenda Bandua Wargames é especializada na venda, asesoramento e promoción do coleccionismo de miniaturas, principalmente as históricas.