Representantes do Concello de Lugo – o Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, xunto con Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua – e dos colectivos lucenses vencellados á cultura que promocionaron o traslado do busto de Xoán Montes, visitaron o estudo de arquitectura Parteluz, onde se están a levar a cabo os traballos de restauración do mesmo.

Actualmente está a pasar por un proceso de restauración e limpeza por parte dun equipo especializado, que, segundo indicou a restauradora encargada do proxecto, Uxía Aguiar, se está a encargar de eliminar a suciedade das pezas de mármore e granito que compoñen a obra, mantendo as marcas de envellecemento propias da peza.

Nas vindeiras semanas, comezarán as escavacións arqueolóxicas precisas para a colocación da estrutura e posteriormente do busto. Unha vez a restauración remate e a estrutura esté colocada, procederase a montar de novo o busto na praza Maior.

Esta actuación ten como obxectivo resituar a figura de Xoán Montes no centro da cidade. Esta ubicación elixiuse dado que o propio Xoán Montes desenvolveu boa parte da súa actividade musical no quiosco da música da praza maior, o Círculo das Artes e a Catedral.

Foto da restauración do busto de Xoan Montes
Fonte: Gab . Comunicación Cultura, Turismo e Promoción da Lingua