O Apalpador visitará Lugo este sábado 22 de decembro rodeado dunha gran foliada
Carmen Basadre convidou á veciñanza a participar nesta festa, «que recupera unha figura nosa» e que arrincará ás 16:30 horas, cunha ruada con A Volta do Agro e Cántigas e Frores dende a Milagrosa, pola Avenida da Coruña e o casco histórico
Haberá obradoiros, castañas, agasallos e música, todo elo na Praza Maior. En caso de choiva trasladaranse ao patio do Velló Cárcere

Decembro 2018  O Apalpador visitará Lugo este sábado acompañado dunha gran foliada, que presentou este xoves, na Sala de usos múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, xunto a representantes da Tradescola, Semente Lugo, A Mesa pola Normalización Lingüística e Volta do Agro, Mónica Fernández, María Vilaverde, Luis Neto e Lucía Álvarez e Fidel Reigosa; respectivamente.

Carmen Basadre convidou á veciñanza a participar neste actividade lúdica cultural, «que recupera unha figura nosa» e que arrincará ás 16:30 horas, cunha ruada cos grupos A Volta do Agro e Cántigas e Frores que avisarán da chegada desta personaxe galega típica á cidade, dende a Milagrosa, pola Avenida da Coruña e o casco histórico. Xa ás 17:00 horas, a artista Branca Villares ofrecerá o obradoiro Troupelear para a familia na Praza Maior.

Ás 18:00 horas será a hora escollida polo Apalpador para chegar, con castañas e agasallos. Ás 18:30 e ás 19:30 horas continuarán os obradoiros, un de danza con Xavier Iglesias e outro de canto e pandeireta coa Tradescola. En caso de choiva, os tallerese serán no patio do Vello Cárcere. A Volta do Agro e Cántigas e Frores serán os encargados de pechar a foliada, ás 20:30 horas.