Un artigo de Víctor Mouronte – con lista de reprodución de máis de 150 grupos e solistas –
Xa vai un cuarto de século do novo milenio e ben merece a pena repasar un pouco a música lucense destes anos.
Non hai moito, no 2023, Juan Castro publicaba o libro “Aquí non pasa nada. Historias musicais de Lugo” (TrisTram) no que fai un bo repaso da escena dende un punto de vista moi persoal, especialmente das últimas décadas. O libro narra maiormente acontecementos da vida musical lucense, a veces dende o punto de vista da participación do autor en diferentes proxectos (Ian, Berta Franklin…) e outras dende a súa perspectiva como espectador (con múltiples e variados recordos das festas de San Froilán). Un enfoque no que os concertos e os músicos (de Lugo e de máis aló) son o punto central.
Dende aquí tentaremos afondar máis no tema en cuestión, naquilo que aínda podemos degustar a día de hoxe: as cancións, EPs, LPs, discos… a música mesma. Continuar un pouco con ese esforzo de visibilizar a música lucense dos últimos anos.
Nesta primeira incursión no tema preténdese mostrar unha visión ampla e global cunha lista de reprodución que tenta recoller un pouco o que se estivo facendo estes anos, abarcando tódolos estilos e recordando dende as veteranas formacións que aínda neste milenio publicaron algún traballo (Fuxan os Ventos, Taranis, Brath…) ata os novos grupos dos últimos anos (LoraHacePam!, Jade4, Beach Avenue, VerterGZ, ünder & Diego Flâneur ou os proxectos colectivos Daydream Sessions ou Lu Gambinos).
A lista contén temas publicados entre 2000 e 2025 por músicos ligados á cidade de Lugo; entendendo isto en sentido amplo, xa teñan nacido ou vivido na cidade e teñan dalgún xeito desempeñado nela, cando menos en parte, a súa actividade musical (e si, se se inclúen os dous anos límite suman 26; un ano de agasallo). Polo xeral non hai máis de dous temas por artista, aínda que as colaboracións e interrelacións entre músicos fan que a veces non se cumpra. Tívose prioridade pola música propia e o audio de estudio pero, como en todo, algunhas escepcións hai. A disposición dos temas está en orde cronolóxica aproximada dende o 2000 cara adiante.
Falta algún artista? Seguro. Nalgúns casos por non ter localizado cancións na plataforma (Ship of Fools, Parallel Universe, FHA, NMD, Weed, Freak Garden, The Groovefathers…), outros por despiste e outros máis por descoñecemento (desculpas de antemán polos erros que se teñan dado)… pero en calquera caso, móstrase aquí unha boa representación da música lucense do primeiro cuarto de século deste terceiro milenio.
Neste percorrido podemos recordar o descaro reivindicativo do punk de Los Puta en discos como Puto Pais:
A intensa e melancólica épica do rock alternativo que Holywater poñía en escena máis aló das fronteiras galegas e que os fixo subir ó escenario dos concertos de Radio3.
Os efémeros Ictus (2004-2007), que deixaron para o recordo, entre outros, un disco de culto dentro do crust punk europeo: Imperivm. Tráxicamente remataron a súa traxectoria nun accidente viario en Bielorrusia durante a súa xira europea en agosto de 2007.
A enerxía que Cats and Monkeys demostraban nos seus potentes concertos, que evolucionaron dende o funk máis festivo da súa primeira etapa, coa excepcional voz e presenza escénica de Noelia González, ata o refinado acid jazz e neo-soul dos últimos anos.
A ben nutrida escena rap que existe hoxe na cidade tivo nomes que a precederon como Anubis Metal Jack (actualmente o proxecto Habló Pablo), recoñecido como “Mejor Artista de Rap Independiente Español” nos Premios Hip Hop.
Cabe mencionar tamén a Arturo Vaquero, nominado a un Goya no 2010 e galardonado en 2012 cun Mestre Mateo pola mellor música orixinal en O Apóstolo.
A fusión entre o mundo da música electrónica, o rap, o soul e o funk da Safari Orquestra que no 2010 publicaban o seu álbum Ben Deitei:
A contundencia dos veteranos Barbarian Prophecies que levan dende comezos de século sendo un exemplo dentro underground metálico, con varios discos de death metal ás súas costas e boa acollida por parte da crítica especializada en álbums como XIII.
A elegancia e destreza vocal de Iria Estevez en Clave de Fado que nos agasallaba en 2014 co disco Xanelas (Bandcamp) onde o fado se fusiona con outras músicas.
Sigilu, nacidos das cinzas de Tierra de Cinco Minutos, no 2025 editaron Beta con moi boa acollida por parte da comunidade progresiva, e en 2017 publicaron a súa pequena gran xoia folktrónica: Singularidad o Barbarie (Bandcamp)
A música tradicional de Airiños da Freba que no 2018 publicaban o seu álbum O’de Lacón.
Sarriano de nacemento e lucense de adopción, o noso máis internacional artista na actualidade, Abraham Cupeiro, deléitanos co seu talento e sons que se sitúan entre a arqueoloxía musical, o tradicional e o sinfónico en traballos como Pangea.
…non imos citalos a todos, estes son só algúns exemplos destes anos entre os máis de 150 grupos e solistas recollidos na lista de reprodución que vos deixamos a continuación:
Agardamos que vos guste; uns recordaran vellas, e non tan vellas cancións, e outros descubriran cousas que os sorprenderan e poderan corroborar que en Lugo si pasan cousas.
… e para a próxima entrega tocará falar un pouco en detalle de discos destacados.
Somos a axenda cultural de Lugo e o medio dixital onde enterarte de tódolos eventos culturais e de ocio da cidade: concertos, teatro, exposicións, cine, espectáculos, presentación de libros, danza…
Contacta: vivalugo@vivalugo.es