Coa mirada posta en facilitar o acceso universal ao coñecemento, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo a través da súa Área de Cultura, impulsa a modernización da Rede Museística Provincial (RMPL) mediante a implantación de VuFind. Este novo portal de descubrimento, aloxado en https://encontro.redemuseisticalugo.org/, concíbese como un espazo de hospitalidade dixital que elimina barreiras e sitúa ás persoas no centro da estratexia cultural común, integrando as coleccións dos distintos centros nun único punto de consulta libre e aberto.
Desde os seus inicios, a RMPL entendeu que a verdadeira innovación reside en investigar e despregar as mellores ferramentas para conectar coa nosa comunidade. Tras ser pioneiros como o primeiro museo galego con páxina web e presenza activa nas redes sociais, a institución dá un paso máis cara a unha transformación dixital sostible e inclusiva. O portal Encontro opera cunha dobre ollada: funciona como un telescopio que permite a internacionalización do noso arquivo, abrindo o noso patrimonio a un público global, e como un microscopio que atende con detalle as necesidades sociais do noso territorio máis próximo.
A nivel técnico, VuFind é un software libre e de código aberto deseñado para bibliotecas, arquivos e centros de documentación, que substitúe ou complementa ao tradicional catálogo OPAC. A plataforma permite realizar buscas unificadas mediante unha interface intuitiva e multilingüe. Actualmente, xa se atopan integradas e accesibles as fontes primarias e coleccións do Pazo de Tor e do Museo do Mar, así como unha parte das coleccións do Museo Provincial, conformando un espazo que irá incorporando progresivamente a totalidade dos fondos da nosa rede, xunto con diversas exposicións de carácter virtual.
Enmarcado nos principios da museoloxía social polos que a RMPL é un referente, este proxecto parte da base de que «a diversidade é a norma e non a excepción». Fronte a unha esfera dixital cada vez máis corporativizada que promove o consumo pasivo, Encontro actúa como un espazo común integrador e amigable. É unha ferramenta de sostibilidade e igualdade que permite a veciñas, veciños e profesionais acceder ao coñecemento, aprender, inspirarse e, en definitiva, tecer redes para facer cultura e sociedade en común.






