Unha oportunidade para descubrir, aprender e reivindicar o valor dun recurso natural ligado á tradición gandeira galega e con moito futuro por diante.
A Praza de Abastos de Lugo será o escenario, os días 14 e 15 de novembro, dun encontro con exposicións, obradoiros, proxeccións, música e teatro arredor do mundo da la. Aberto e de balde para toda a cidadanía.
Poderá visitarse o sábado 14 de novembro, de 11:00 a 20:00 horas, e o domingo 15, de 11:00 a 14:00 horas.
A la volverá ocupar o lugar que merece como materia prima de gran valor no III Foro da la de Galicia. O encontro nace co obxectivo de dar visibilidade á situación actual da la procedente das explotacións ovinas e reivindicar as súas posibilidades, tanto nos usos tradicionais como nas novas aplicacións que están a xurdir arredor deste recurso natural.
Durante as dúas xornadas, o público poderá achegarse a diferentes iniciativas vinculadas ao sector a través dunha programación que inclúe exposición e venda de produtos e proxectos relacionados coa la, proxeccións de documentais sobre esta materia prima e o mundo da gandaría, presentacións de iniciativas laneiras e obradoiros prácticos (inscrición de balde en https://www.instagram.com/foro.da.la/ )
A proposta completarase con actividades musicais e teatrais para converter o foro nun espazo de encontro, participación e divulgación.
Unha iniciativa impulsada por Ovica (Asociación de Criadores e Criadoras de Ovino e Caprino de Galicia)
Esta terceira edición dá continuidade ao traballo que Ovica vén desenvolvendo nos últimos anos para impulsar a recuperación e valorización da la galega. Entre as súas liñas de actuación figuran o contacto con cooperativas e lavadeiros doutras zonas, a promoción de iniciativas de investigación destinadas a explorar novos usos deste material e a creación dun grupo de traballo a nivel galego centrado no sector laneiro.
Máis alá do impulso á actividade produtiva, a asociación considera fundamental achegar esta realidade á cidadanía e fomentar o coñecemento sobre as posibilidades dunha materia prima que durante moito tempo perdeu protagonismo e valor comercial. Por iso, o foro pretende funcionar tamén como unha ferramenta de sensibilización, dando a coñecer o potencial da la e o traballo das persoas e iniciativas que apostan pola súa recuperación.






