Os concellos de Lugo, Viveiro, Monforte de Lemos, Guitiriz e A Fonsagrada acollerán uns 15 espectáculos gratuítos entre o 20 e o 23 de marzo
Unha ducia de artistas de Xapón, Uruguai, Alacante e Galicia actuarán nos cinco concellos participantes
Febreiro 2019 O Festival Atlántica, que este ano celebra a súa sétima edición, vai chegar por primeira vez á provincia lucense por mor da colaboración coa Deputación e co Concello de Lugo.
Ata Lugo van chegar as historias do xaponés Yoshi Hioki, do alacantino Pablo Albo e dos galegos Celso F. Sanmartín, Ángeles Goás, Lois Pérez, María da Pontragha, Raquel Queizás e Vero Rilo. Tampouco faltarán á cita contadores lucenses como Fátima Fernández e Lois Pérez.
Este grupo de narradores vai desenvolver entre o 20 e o 23 de marzo unha programación para todos os públicos, con espectáculos para cativos e maiores que terán entrada libre e gratuíta ata completar o aforo.
No ano en que Galicia celebra nas letras a Antonio Fraguas e nas artes a Luis Seoane, o festival reparará nas súas figuras, comezando pola cartel, que fai unha chiscadela ao cadro As Mariscadoras. Esta obra, que cumpre 50 anos no 2019, retrata o traballo das mulleres do mar e, co estilo gráfico do festival, queremos recoñecer o seu papel na historia e tradición de Galicia. Contar entraña tamén un traballo de
recollida, de selección, de transmisión… para que os froitos rematen apagando a fame de historias que todos e todas temos.
Obxectivos do Festival
- Difundir e preservar a tradición oral galega e de todas as culturas do arco Atlántico, de aí o seu carácter internacional.
- Indagar nas raíces colectivas das historias do Océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar.
- Celebrar a madurez e calidade do movemento da Narración Oral Galega, referente a nivel internacional pola súa identidade de longa tradición.
- Dar visibilidade as novas voces da Narración Oral Galega, depositarias das voces antigas e garantes da preservación da memoria e tradición oral.
- Vencellar o pasado co presente e o futuro que representan os nenos e nenas, vinculeiros do patrimonio inmaterial único que representan os contos.
A presentación da programación tivo lugar este mércores, 27 de febreiro, nunha rolda de prensa na que participaron Pilar García Porto, deputada da subárea de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico, Artesanía e Deseño e Educación da Deputación de Lugo; Carmen Basadre Vázquez, concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua de Lugo; Lara Fernández Fernández-Noriega, concelleira de Cultura, Muller e Xuventude de Viveiro; Marina María Doutón Rajo, concelleira de Cultura, Educación, Xuventude e Igualdade de Monforte de Lemos; Regina Polín Rodríguez, alcaldesa de Guitiriz; e Soledad Felloza, directora do Festival Atlántica.