Brea_No_Vento-RRSS

Xuño 2019 Un activo membro da movida cultural de Lugo (e da loita social) presenta novo proxecto artístico: José Manuel Brea inicia aventura poético musical … «Brea no Vento» en A Despensa do Saa este sábado 8 ás 20:00 . O nome escollido xira arredor dos significados das distintas acepcións do seu apelido Brea, como vento forte e cargado de chuvia, asemade dor emocional, mágoa e tamén á memoria de Nunca Máis e o Prestixe con centos de paxaros negros engulindo o vento e o activismo e a loita social e político-sindical sempre presente na miña vida. 

Cancións saídas de noites sen durmir polos golpes duros da vida. Cancións compostas como terapia psicolóxica. Cancións creadas pouco a pouco, de forma natural, inspiradas por Dylan é  Narf, e os slam poetry e as noites poéticas do Vagalume en Lugo os derradeiros martes de cada mes as que tamén vai unha canción dedicada. 

O vento trae unha canción que alimenta o camiño, humidade, frescura e transparencia no ar alento vital dun País que vibra e respira grazas ó verdor. Esperanza que lle confire o feito de acoller nel tódolos elementos vitais; terra verde, chuvia, mar, e o son primitivo da música e a fala.
O País orientado seguindo un ritmo milenario, ten no vento e no clima os seus alicerces, mentres o mar da sentido á sucesión de ocasos e albas coa súa auga maternal e transcendente. Vento en cambio continuo como un ente vivo con voz oráculo que avisa dun cambio radical e incerto que se aproxima.