O ano 2020 trae un novo ciclo de faladoiros feministas a Lugo, iniciativa iniciativa posta en marcha pola Deputación de Lugo e o Foro Feminista Maruxa Mallo, con moi boa acollida e que ten como obxectivo a conexión do feminismo coa cidadanía, propoñendo alternativas para situacións derivadas da estrutura social patriarcal, empoderar ás mulleres e loitar contra as violencias machistas.

O ciclo comezará este venres 17/01 co faladoiro de Towanda Rebels, ás 20:00 horas no Vello Cárcere de Lugo. Continuará ata o mes de maio coa celebración doutras catro citas, nas que intervirán Ana Iglesias, o 28 de febreiro; Marta Busquets, o 13 de marzo; Carmen Castro, o 24
de abril, e Mabel Lozano, o 22 de maio. A entrada é libre e gratuíta ata completar aforo.

Foto da presentación de Novo ciclo de Faladoiros Feministas en Lugo
 A Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro García, presentou no Pazo de San Marcos xunto á coordinadora do Foro Feminista Maruja Mallo, Carmen Díaz Simón, o novo ciclo de Faladoiros Feministas
FALADOIROS FEMINISTAS EN LUGO – CALENDARIO

17 de xaneiro. Faladoiro con Towanda Rebels. É unha canle de comunicación feminista formada por Teresa Lozano e Zua Méndez, comunicadoras e amigas, que atopan no feminismo unha forma de ser, de entender e de mirar a vida. Dúas mulleres que son quen de desactivar o patriarcado con risa, ironía e crítica.

28 de febreiro. Faladoiro con Ana Iglesias. Decana en Ciencias da Educación pola UDC, doutora en Psicopedagoxía e coautora de Educar en la ciudadanía, unha obra que sinala a necesidade de asumir a desigualdade de xénero como un dos núcleos estruturais que dificultan o pleno desenvolvemento da cidadanía.

13 de marzo. Faladoiro con Marta Busquets, licenciada en Dereito que se especializou en Dereito sanitario centrado nos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, así como no Dereito en relación coa lactancia e a maternidade.

24 de abril. Faladoiro con Carmen Castro,activista e feminista, e autora do libro Políticas para la igualdad.

22 de maio. Faladoiro con Mabel Lozano. Escribiu no 2017 El Proxeneta, unha historia real contada en primeira persoa, sobre un tratante de mulleres. No libro repasa a evolución da prostitución e a trata en España desde a década dos 80.