Tres lucenses tres, Nieves Neira Roca (textos), Olalla Caamaño (voz) e Cris Vilariño (danza), trenzarán un encontro á volta da poesía de Neira Roca, unha experiencia de resonancia, tradución, trafego, eco e contaxio da palabra ao corpo e á voz – chamada «Trenza» – dentro de “Na distancia medran versos”, a proposta de poesía do Festival C en Santiago de Compostela para o mes de agosto – 12/08 – no Paseo da Ferradura da Alameda (de balde previa retirada na billeteira).
No dorso do que o corpo pode reter e necesita, o abrollar dun lugar amándose. E non será así, perderse? Acabar cedendo á voz coma se alguén aparecese? Ten que ser posible o lugar, di o poema, ten que seguir sendo posible, aínda, a pesar de, apunta, lanza. Así, tres mulleres trenzadas no borde do salto do corpo aínda por facer anuncian o milagre, cantiga, Balteira, o encontro tras do cal non hai ninguén.